
O delegado do Goberno en Galicia e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente ( MAPAMA), participaron nas actividades do Día Mundial da auga desenvolvidas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), co alumnado do CEIP Virxe de Covadonga que traballan nun proxecto de educación ambiental que este Organismo de conca está a desenvolver en varios puntos da Demarcación.
Baixo o lema escollido este ano por Nacións Unidas, A resposta está na Natureza, Santiago Villanueva e Francisco Marín, acompañados pola delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, o subdelegado do Goberno, Roberto Castro, o vicepresidente da Deputación Provincial, Rosendo Fernández, e o alcalde de Punxín, Manuel Vázquez, acudiron ao río Barbantiño a comprobar in situ os traballos de recoñecemento da canle que medio centenar de nenos, entre 10 e 12 anos, están a realizar dentro do proxecto “Gústame o meu río, ensíname a coidalo”.
Neste encontro os nenos explicaron tamén, ás autoridades e aos medios de comunicación, as campañas de eficiencia e bo uso da auga nas que estiveron traballando e que xa puxeron en práctica nos seus fogares.
O delegado do Goberno en Galicia destacou a importancia de coñecer desde pequenos que este é un recurso limitado e que se debe facer un uso responsable do mesmo á vez que lembrou que “é necesario poñer en valor este recurso que en Galicia sempre foi abundante”. Santiago Villanueva engadiu “a mellor forma de concienciar é facelo cos mozos” porque na “coidado da auga vai o futuro das novas xeracións” e, ademais, facelo a través destas actividades onde os mozos “ven de forma directa o valor da auga e do ecosistema dos ríos” á vez que se achegan a valores engadidos como o turístico ou o aspecto cultural.
En este mesmo sentido, o presidente do Organismo de conca valorou positivamente a implicación dos máis pequenos nas accións de coidado e respecto dos ríos e destacou que “o bo uso da auga é responsabilidade de todos e os escolares son a mellor canle de comunicación para chegar ás familias”.
O proxecto “Gústame o meu río, enseñame a coidalo”
O obxectivo deste proxecto é o achegamento dos máis novos ás canles fluviais incidindo na importancia da auga para a conservación do medio ambiente e dos recursos naturais.
Trátase de que os máis pequenos comprendan que a auga e os ecosistemas fluviais son limitados, incidindo na necesidade de asumir a responsabilidade e o papel do ser humano na conservación destes recursos. Ademais, preténdese fomentar actitudes respectuosas no consumo de auga, tentando que eses coñecementos e hábitos adquiridos transmítanos no ámbito familiar e escolar.
“Queremos fomentar e promover o contacto directo dos nenos coa contorna natural, achegando as aulas ao río e ao medio natural máis próximo ás súas cidades e pobos, a través de actividades distendidas e divertidas que complementen a formación académica” concluíu Francisco Marín, presidente da CHMS.
Este proxecto está promovido pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e colabora a Xunta de Galicia a través das Xefaturas Territoriais de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria das provincias de Lugo e Ourense, en Galicia, e da Xefatura de Educación da Junta de Castilla y León, en Ponferrada.