
O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), asinou esta mañá un convenio de colaboración co Concello de Mos para o financiamento e execución do proxecto de nova senda fluvial no río Louro, entre o camiño de Noveleda e o camiño de Lagoal, parroquia de Louredo. TM de Mos (Pontevedra)
O convenio foi asinado hoxe no Concello de Mos, polo presidente de CHMS, Francisco Marín, e pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.
O obxectivo do proxecto é definir as actuacións necesarias para a ampliación e mellora da ruta fluvial do río Louro, con criterios ambientais e de accesibilidade, valorizando o patrimonio natural e cultural da zona para o goce de veciños e visitantes.
O proxecto
En concreto e dentro das actuacións programadas, proxéctanse dous novos tramos de senda, os cales estarán conectados entre si por itinerarios naturais.
O primeiro tramo, de 622 m de lonxitude, parte do Camiño de Lagoal e finaliza onde discorre un carreiro existente. Este primeiro tramo sitúase fóra do DPH e mellora o acceso ao Muiño Novo e ao Muiño do Lagoal.
A uns 150 m deste primeiro tramo, debido á gran pendente do terreo, deseñouse unha adecuación ambiental do carreiro existente, mediante a execución de banzos con materiais naturais, como rolizos de madeira e xabre estabilizado, así como elementos de apoio consistentes en postes de madeira e cordas de agarre.
Como alternativa a este tramo máis difícil, proxectouse un ramal de unión cun camiño existente, máis afastado do río, que é máis accesible para as persoas de mobilidade reducida.
O segundo tramo, de 150 m, parte do carreiro existente e permitirá pasear preto do río e chegar á contorna do Muiño Branco, onde a servidume próxima ao río permite o tránsito ao Camiño de Noveleda.
O proxecto prevé, ademais, a execución de plantacións de especies vexetais compatibles cos valores naturais da contorna.
O investimento previsto é de 210.000 euros, que será sufragada ao 50% entre ambas as Administracións, e o prazo de execución estímase en 4 meses.