
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), realiza charlas informativa, dirixidas aos gandeiros da conca do Miño-Sil, a través das que se pretende facilitar as xestións administrativas nas solicitudes de aproveitamentos de auga, sobre todo para pozos subterráneos.
Esta iniciativa xorde pola solicitude de información para novos aproveitamentos de auga, por parte de varios gandeiros do Macizo Central, por mor da publicación por parte da Xunta de Galicia de axudas para paliar os efectos da seca - Diario Oficial de Galicia ( DOGA), nº 208 do 2 de novembro de 2017- e en aras da coordinación entre Administracións.
Cada charla comezou cunha somera explicación da Lei de Augas facendo especial fincapé en que a partir da entrada en vigor da Lei de Augas de 1985 todas as augas, superficiais e subterráneas, pasaron a ser Públicas e o seu uso só pode obterse por disposición legal ou por concesión administrativa.
Explicouse que o dereito para utilizar a auga dun pozo dentro da mesma leira en que se localizan pódese obter por disposición legal, debéndoo comunicar ao Organismo de conca e non podendo superar un consumo anual de 7000 m3. En caso que o volume supere os 7000 m3 anuais ou se pretenda utilizar a auga nunha leira distinta, é preciso tramitar unha concesión administrativa.
Por outra banda, indicouse aos asistentes que a distancia entre pozos non pode ser inferior a 20 metros, se o volume que se solicita non supera os 3.650 m/3, e de 100 metros para os que superen ese volume.
En canto á documentación para achegar informouse de que é necesario obter a Instancia oficial que se pode descargar da web da CHMS - https://www.chminosil.es/es/chms/informacion-de- interes/ informacion-ao-cidadán/impresos/autorizacións-concesións-e-outros-usos, documento de titularidade da leira, plano do catastro e fotocopia do DNI do solicitante.
Para atender o abastecemento, explicouse que existe un procedemento de Concesión Temporal, de tramitación moi rápida, e que se outorga por un prazo de dous anos. ”Este procedemento foi a fórmula máis utilizada este ano ante a situación de prealerta por seca, desde xaneiro ata setembro, e en alerta a partir do 2 de outubro”, indicou Xusto Rodríguez, técnico de Comisaría de Augas, quen estivo acompañado nestas charlas informativas por José García, técnico da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.
Antes de dar paso á quenda de preguntas dos asistentes, informouse de que a lei contempla determinados usos comúns como son beber, bañarse nas canles e abeberar o gando para os que non se precisa ningún tipo de permiso ou autorización.
En senllos encontros, ademais de explicar os trámites para seguir e a documentación para achegar en cada caso de forma sinxela e comprensible para todos, lembrouse a necesidade de adoptar medidas de aforro e eficiencia no uso da auga, ao tratarse dun recurso limitado, mesmo en Galicia.
A estas primeiras reunións, celebradas nos municipios ourensáns de Montederramo e Castro Caldelas, asistiron máis de 50 gandeiros.