O MAPAMA investirá preto de 19 millóns de euros para o seguimento do estado das augas e zonas protexidas na conca do Duero

O seguimento e avaliación do estado das masas de auga realizarase a través de máis de 600 estacións de control en augas superficiais
Os programas de seguimento permiten obter a información necesaria para valorar o estado e calidade das augas e son un elemento fundamental na xestión e planificación da auga
O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), tal e como publica hoxe o BOE, sacou a licitación por un investimento de 18,9 millóns de euros, os programas de seguimento para determinar o estado e a calidade das augas continentais (ríos, lagos e encoros) e o control das zonas protexidas na conca do Duero.

Os datos necesarios para determinar o estado das augas recolleranse nas máis de 600 estacións de control existentes na conca, 549 situadas en ríos, 23 estacións en lagos e 76 situadas nos encoros. Nestas estacións mídense tanto elementos de calidade biolóxicos (invertebrados, diatomeas, peces, fitoplancto); físicos e físico-químicos (nitratos, fosfatos, contaminantes, etc.), como hidromorfológicos.

Os programas de seguimento inclúen ademais 9 estacións seleccionadas no marco do Convenio Albufeira, alcanzado entre España e Portugal, para a protección e o aproveitamento sustentable das augas das concas hidrográficas hispano-portuguesas.

AVALIACIÓN ESENCIAL

Os programas de seguimento do estado das augas son unha ferramenta básica para a xestión deste recurso, dado que proporcionan a información necesaria para avaliar a efectividade dos programas de medidas adoptados nos plans de conca e o grao de cumprimento dos obxectivos marcados. Así mesmo, son esenciais para vixiar a calidade das augas que están destinadas a determinados usos, en particular o abastecemento.

Ademais, o programa de seguimento nas estacións incluídas no Convenio de Albufeira permite mellorar a información sobre o estado das masas de auga transfronteirizas con Portugal, avaliar o impacto das medidas executadas e estimar a carga contaminante que cruza a fronteira hispano-portuguesa.

LICITACIÓN EN TODAS AS CONCAS DE FORMA PAULATINA

Esta nova licitación súmase ás xa aprobadas recentemente no ámbito da conca do Segura (por un importe de 4,9 millóns de euros), do Cantábrico (por un importe de 5,1 millóns de euros) e do Miño-Sil (por un importe de 5,9 millóns de euros) e do Júcar (por un importe de 8,28 millóns).

Este investimento, a executar durante os próximos exercicios, dará unha resposta efectiva ás obrigacións impostas pola lexislación europea en materia de calidade das augas, reforzará a xestión ambiental nas distintas demarcacións hidrográficas así como a planificación hidrolóxica permitindo mellorar o estado das masas de auga.

Descargar PDF

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.