O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, iniciou as obras de protección de marxes contra a erosión do río Louro no tramo urbano do Porriño (Pontevedra).
Esta mañá o presidente do Organismo de conca, Francisco Marín, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana María Ortiz, visitaron as obras acompañados polo concelleiro de Vias e Obras, Manuel Carreira.
O proxecto
O proxecto recolle varias actuacións, que abarcan distintos tramos de aproximadamente un quilómetro de lonxitude total, nas zonas máis afectadas polas crecidas do río Louro.
As actuacións proxectadas consisten na construción e reparación de diques en catro tramos de canle e na construción de empalizadas de protección en dúas zonas concretas, utilizando troncos apilados de piñeiro descortezado e estacas verticais do mesmo material que se fixarán entre si mediante varillas de aceiro, para coartar o seu desprazamento.
En ambos tipos de protección a parte superior recubrirase con terra vexetal que fará de soporte á revexetación da mesma, utilizando especies herbáceas e estaquillado con varas verdes de salgueiro.
Como complemento ás actuacións descritas, procederase á reposición da senda danada en nove puntos do percorrido, empregando zahorra artificial e pavimento de xabre estabilizado con cemento, confinado entre senllos traveseiros de madeira tratada en autoclave, ademais de actuacións complementarias de reparación do acceso a unha das pasarelas do carreiro e a recolocación de elementos informativos no mesmo.
O orzamento total do proxecto é de 51.427 € (IVE incluído), e o investimento total será de 62.000 €, incluíndo as asistencias técnicas de redacción do proxecto e coordinación de seguridade e saúde durante as obras.