
O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), convocou, como beneficiario principal do proxecto Poctep "Risc Miño-Limia", a reunión constitutiva do Comité de Xestión como órgano de decisión, recepción e emisión da información do proxecto e do Grupo de Traballo Conxunto que coordinará a planificación, distribución e execución das accións do proxecto e que será dirixido polo director de proxecto, nomeado nesta primeira reunión a proposta do beneficiario principal.
A entidade promotora do proxecto, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, conta como socios coas Universidades de Vigo e de Porto e a ARH Norte, organismo de conca do norte de Portugal.
O proxecto
Este proxecto "RISC Miño-Limia", aprobado pola Unión Europea o pasado 5 de maio, ten como obxectivo o deseño dun conxunto de medidas orientadas á preparación, prevención e unha mellor xestión da demarcación hidrográfica internacional do Miño-Lima, encamiñadas a mitigar os efectos dos fenómenos extremos - inundacións ou secas-, todo iso co ánimo de mellorar na xestión dos recursos naturais tendo en conta a necesaria adaptación ao cambio climático.
Coas actuacións previstas conseguirase un maior coñecemento da demarcación hidrográfica internacional Miño-Limia, a todos os niveis e especialmente a nivel hidrográfico, e melloraranse os mecanismos de xestión existentes en relación á identificación e xestión de secas na demarcación hidrográfica internacional con metodoloxías comúns.
Por outra banda, establecerase un novo sistema de alerta temperá que permita avaliar fidedignamente o perigo e o risco real de inundación na demarcación, mediante modelos hidrometeorológicos, hidrolóxicos e hidráulicos, tanto determinísticos como probabilísticos.
E poderase coñecer a futura evolución da distribución, a longo prazo, dos recursos hídricos en cada demarcación, atendendo para o efecto do cambio climático.
Preténdese, por tanto, contribuír a un mellor coñecemento da Demarcación Hidrográfica Internacional das concas dos ríos Miño e Limia, de acordo co principio de unidade de conca e co establecido na Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas, en relación coas demarcacións hidrográficas internacionais e os plans hidrolóxicos únicos.
Con este proxecto, cuxo orzamento ascende a 2.335.283 €, preténdese mellorar as condicións de vida de máis de 1 millon de habitantes das demarcacións internacionais dos ríos Miño e Limia.