
O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), xunto coa Deputación Provincial, investirán 80.000 euros na construción de máis de 1 quilómetro de senda peonil na marxe esquerda do encoro das Conchas en Muiños (Ourense).
Estas actuacións serán financiadas ao 50% entre ambas as Administracións tal e como consta no Convenio de colaboración asinado esta mañá polos presidentes da Deputación Provincial e da CHMS, Manuel Baltar e Francisco Marín, respectivamente e polo alcalde de Muiños, Placido Alvarez, quen, pola súa banda, comprométese a conseguir os terreos necesarios para a execución das obras.
O proxecto
O obxectivo da actuación é o acondicionamento da senda peonil existente para dotala dunha xeometría homoxénea ao longo de todo o seu percorrido, así como dun pavimento uniforme que permita un uso confortable e seguro da mesma.
Actualmente Muiños dispón dunha rede de carreiros peonís que discorren por ambas as marxes do encoro das Conchas aínda que, son moi estreitas, presentan perdas de firme producidas pola escorrentía superficial e non se atopan conectadas adecuadamente co complexo deportivo- turístico de "O Corgo".
A actuación que se proxectou consiste na execución dun carreiro que será construído en xabre con cemento, que asegura estabilidade e duración, de 1057 metros, con dous tramos diferenciados, de 747 e 310 m de lonxitude, e con anchuras de entre 1,50 e 2,00 m, en función do espazo dispoñible en cada punto.
Cara á metade do primeiro tramo, especialmente estreito e con importante desnivel, proxectouse a execución da senda en madeira que servirá para unificar o nivel e que dispoñerá dunha varanda de protección que garanta a seguridade dos viandantes.
O prazo de execución das obras estímase en 3 meses e o investimento previsto é de 80.000 €, sufragados ao 50% entre ambas as Administracións.