
O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) investirá máis de 1.216.000 euros en actuacións de restauración hidrolóxico-forestal e mellora da conectividade en canles da conca Miño-Sil, incluídos en zonas de Rede Natura 2.000, na provincia de Lugo.
Así o anunciou esta mañá o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, durante o acto de presentación das actuacións para acometer, no que estivo acompañado polo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, e o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo.
O proxecto
O obxectivo do proxecto que executará o Ministerio, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), mellorará o réxime fluvial natural e a contorna das canles situadas en zonas sensibles, situadas en Terra Chá, Vilalba, Monforte de Lemos e Lugo, incluídas en áreas da Rede Natura 2000, que actualmente presentan escasa capacidade de desaugadoiro como consecuencia da acumulación de árbores caídas -mortas ou decrépitas-, ramas baixas, etc, que provocan zonas de tapóns e represas vexetais, o que dificulta a circulación das augas e provoca arrastres de orixe vexetal e antrópico.
A programación dos traballos realizouse atendendo á problemática concreta da zona e para iso realizaranse tratamentos silvícolas, mediante rozas puntuais da vexetación existente eliminando o exceso de matogueira e a maleza acumulada nalgunhas zonas, co ánimo de mellorar a capacidade de desaugadoiro e a banda de vexetación, tanto en densidade como en estrutura.
Tamén se realizarán podas selectivas sobre o estrato arbóreo, apeando os pés claramente dominados ou decrépitos, respectando en todo momento as especies arbustivas autóctonas e procederase á retirada manual ou mecanizada de árbores caídas e susceptibles de caer ao leito do río, que puidesen obstruir a canle e provocar desbordamentos ou erosión dos noiros.
Os restos de vexetación retirados serán triturados "in situ", salvo os máis grosos que se ofrecerán aos veciños para uso doméstico ou, no seu caso, serán transportados a un vertedoiro autorizado. Por outra banda, a retirada dos residuos que poidan estar acumulados en ambas as marxes, cascallos e residuos sólidos urbanos, serán separados pola súa natureza e transportaranse a xestor autorizado.
O proxecto prevé actuacións en DPH e zona de servidume de tramos dos ríos Madanela (Vilalba), Támoga (Cospeito), Ladra (Begonte), Miño en Muiño de Toural-Reigada (Castro de Rei, Cospeito), Miño en Bardián-Condado (Castro de Rei), Miño en Pena de Galo-Vilalvite (Lugo), Miño en Mourelle-Ombreiro (Lugo), Narla (Lugo), Cabe (Monforte de Lemos e Sober), Rego de Arroxo (Monforte de Lemos-Tramo urbano) e Seco (Monforte de Lemos-Tramo urbano).
Estes traballos desenvolveranse en máis de 65 km. de ríos situados en Rede Natura 2000. O prazo de execución estímase en 12 meses.