A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil investirá máis de 80.000 euros na continuación do paseo fluvial de O Regueiro, A Cañiza (Pontevedra)

  • O convenio que posibilita estas actuacións foi asinado esta mañá, no salón de plenos do Concello, baixo a presidencia do delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva
  • Con este proxecto darase continuidade á senda xa executada polo Organismo de conca en 2014

O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), investirá máis de 80.000 euros na ampliación do paseo fluvial de O Regueiro, a Cañiza (Pontevedra) que dará continuidade á senda peonil executada en 2014 por este Organismo de conca.

O acto de firma foi celebrado no Salón de Plenos do Concello da Cañiza, presidido polo delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e rubricado polo presidente de CHMS, Francisco Marín, e polo alcalde da localidade, Miguel Dominguez. Ao acto asistiron tamén, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana María Ortiz, varios membros da Corporación Municipal e veciños da Cañiza.

No ano 2014 a CHMS acometeu as obras de acondicionamento dunha parte da canle de O Regueiro habilitando unha senda peonil, pola súa marxe esquerda. Este tramo ten unha lonxitude de douscentos cincuenta metros e inclúe unha pasarela de madeira de dez metros de luz sobre a canle que permite o acceso á rede de rúas situada entre a marxe dereita do río e a estrada N-120.

O proxecto
O obxecto deste Convenio é dar continuidade á senda descrita, coa construción de douscentos metros máis de paseo, cara a augas arriba, ata a súa intersección coa estrada N-120.

Os traballos comezarán coa execución dun corredor fluvial, eliminando a vexetación alóctona e rehabilitarase e consolidará o bosque de ribeira; para continuar coa prolongación do carreiro pola marxe dereita do río, para mellorar a conexión do centro urbano coa área do complexo municipal onde se sitúa a casa de cultura, piscina cuberta e CeMIT da Cañiza.

Completarase cun tramo novo de carreiro de cento vinte metros, desde a pasarela existente cara a augas abaixo, para facer accesible aos veciños e visitante esta zona da canle.

A sección-tipo a empregar na nova obra será a mesma que no tramo xa executado, con pavimento de xabre estabilizado con cemento, e contará con varanda de madeira nos puntos en que sexa necesario separalo das leiras lindeiras.

O proxecto de construción estará redactado nun prazo aproximado de tres meses.

17-03-27 DG CH A Cañiza

Descargar PDF

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.