
O obxectivo do proxecto é a preparación das concas internacionais dos ríos Miño e Limia fronte a fenómenos extremos, así como a prevención dos mesmos
Os resultados suporán un avance cara a un plan hidrolóxico compartido nas concas internacionais dos ríos Miño e Limia
Os socios da candidatura POCTEP para o proxecto RISC_Miño_Limia -Prevención de Riscos de Inundacións e Secas na Conca internacional do Miño-Limia-, reuníronse esta mañá na sede da CH do Miño-Sil co ánimo de avanzar nas diferentes accións asociadas ao proxecto e programar as novas actividades a levar a cabo no mesmo.
Este encontro prodúcese ao cumprirse un ano da rúbrica do Protocolo de colaboración entre o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), e a Axencia Portuguesa do Ambiente, no que tamén colaboran a Universidade de Vigo, a través do Campus da auga, e a de Oporto, a través dun grupo de traballo de Hidráulica, Recursos Hídricos e Ambiente do departamento de Enxeñaría Civil.
O proxecto
Este proxecto "RISC Miño-Limia", presentado á candidatura dos POCTEP- proxectos de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal- en 2015 ten como obxectivo o deseño dun conxunto de medidas orientadas á preparación, prevención e unha mellor xestión da demarcación hidrográfica internacional do Miño-Lima, encamiñadas a mitigar os efectos dos fenómenos extremos - inundacións ou secas-, todo iso co ánimo de mellorar na xestión dos recursos naturais tendo en conta a necesaria adaptación ao cambio climático.
Preténdese, por tanto, contribuír a un mellor coñecemento da Demarcación Hidrográfica Internacional das concas dos ríos Miño e Limia, de acordo co principio de unidade de conca e co establecido na Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas, en relación coas demarcacións hidrográficas internacionais e os plans hidrolóxicos únicos.
O orzamento da candidatura ascende a 2.720.195€ e a achega do programa de fondos europeos será o 75% do total.