O proxecto Life Rexenera Limia reducirá a presenza de nutrientes nos ríos da Comarca Limiana (Ourense) con técnicas innovadoras, preventivas e de formación para o sector primario

Life Regenera Limia

Foi aprobado pola Comisión Europea en abril de 2014 co obxectivo de compatibilizar as actividades do sector primario co coidado do medio ambiente

Os socios no proxecto expuxeron en detalle os avances levados a cabo até agora e as accións pendentes de executar até a súa finalización en 2017

A CHMS anunciou que licitará durante este mes os traballos de recuperación das antigas areneras para potenciar a capacidade de depuración natural do río Limia e a recuperación do meandro do río para conseguir a retención e asimilación dos nutrientes

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), formalizou esta mañá o Convenio de colaboración entre os socios do proxecto LIFE Rexenera Limia, que foi presentado polo Ministerio ao eixo de Política e Gobernanza ambientais dentro da área temática Auga do programa LIFE+ e aprobado pola Comisión Europea o 30 de abril de 2014 de entre case 1.500 candidaturas.

Este encontro entre os socios no proxecto, motivado pola firma do Convenio, foi o marco adecuado para a exposición dos avances levados a cabo por cada unha das partes e para explicar en detalle as accións pendentes de executar até o 2017.

O acto foi celebrado na Subdelegación do Goberno en Ourense, presidido polo subdelegado do Goberno, Roberto Castro, coa presenza dos socios no proxecto, que rubricaron o Convenio: o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín; a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; e os representantes das empresas Coren e Ecolagunas, Emilio Rial e Luís Felipe Fernández, respectivamente.

PROXECTO LIFE REXENERA LIMIA

O proxecto nace co obxectivo de dar solución a unha masa de auga moi modificada pola actividade do sector primario, utilizando para iso técnicas innovadoras que contribúan a cumprir os obxectivos ambientais que establece a Directiva Marco da auga e a normativa de transposición á lexislación española.

16-01-18-Proyecto-Life-Regenera-Limia02

Dentro do programa de traballo están incluídas 26 accións, algunhas xa executadas, entre as que destaca o desenvolvemento de solucións alternativas para a xestión dos residuos gandeiros co ánimo de reducir o seu impacto no ambiente, apostando por humidais artificiais intensivos de macrófitos, creando para iso un sistema de lagunaje artificial como proxecto piloto de tratamento de xurros de porcino por medio destes métodos naturais de depuración, co que se determinará a efectividade deste sistema así como a adecuada relación do custo-eficiencia das técnicas aplicadas.

Por outra banda trátase de demostrar que é posible unha mellor xestión ambiental dos terreos agrarios mediante a optimización do uso de fertilizantes de orixe orgánica a través dun sistema de control integrado de condicións edafológicas. Isto significa que é posible mellorar os resultados económicos e minimizalos riscos ambientais.

No relacionado coa difusión e concienciación social, avánzase na transmisión de información sobre todo entre o colectivo de gandeiros e outros profesionais do sector a través dun plan de sensibilización e educación ambiental para o fomento das medidas preventivas da contaminación das augas, que continúa e que está a ser moi valorado polas empresas e particulares do sector primario.

O investimento previsto segundo proxecto para a comarca da Limia supera os 2 millóns de euros e a duración do mesmo é de 3 anos (2015-2017).

PRÓXIMAS LICITACIÓNS
A CHMS licitará a finais de xaneiro o proxecto de reconversión das antigas explotacións mineiras de extracción de area na Canle de Antena, co obxectivo de crear un sistema lagunar de charcas como acción demostrativa que potencie a capacidade de depuración natural do curso fluvial e que contribúa á recuperación de espazos húmidos na ZEPA da Limia.

Tamén en breve o Organismo de conca publicará a licitación do proxecto de recuperación do antigo meandro do río Limia para a mellora da capacidade de retención e asimilación de nutrientes presentes na auga. Con esta técnica innovadora, consistente na conexión hidráulica do río coas súas veigas de inundación a través do antigo curso fluvial, conseguirase potenciar o efecto fluvial natural de redución de presenza de nutrientes provocando a recirculación da auga pola antiga canle do rio Limia e recuperando a súa chaira de inundación nos períodos húmidos.

Por outra banda, e dentro do mesmo proxecto de recuperación restableceranse os tipos de hábitats naturais presentes nas veigas do Bidueiral de San Lorenzo, as especies silvestres de flora e fauna autóctonas e as de aves da zona, incluídas na Rede Natura 2000.

APOSTA POR ESTE PROXECTO

"Apostamos desde o principio, a mediados do ano 2012, polo proxecto Life Rexenera Limia, presentamos a candidatura no ano 2013, e somos conscientes de que dará os seus froitos aos poucos e a longo prazo, pero consideramos que é a mellor solución para o sector primario, importante fonte de emprego e riqueza na comarca", indicou Francisco Marín, presidente da CHMS

16-01-18-Proyecto-Life-Regenera-Limia03

"Unha vez superada esta fase demostrativa estou convencido que, entre todos, iniciariamos o camiño correcto de face a conseguir que na futura revisión dos Plans Hidrológicos, prevista para o 2021, esta masa de auga cumpra os obxectivos ambientais e poida alcanzar a catalogación de bo estado", concluíu Marín.

Descargar PDF

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.