
Este curso celébrase en Ourense por terceiro ano consecutivo e está organizado por Confederación do Miño-Sil
Consta ademais de visitas ao campo para a valoración dos diferentes indicadores que nos describen o estado das masas de auga
No marco do plan de formación continua do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio estase a celebrar en Ourense o curso "Planificación hidrolóxica e a Directiva Marco da Auga", entre os días 15-18 de xuño.
Este programa de formación está organizado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e os relatores foron elixidos entre profesionais de ampla experiencia no ámbito da planificación hidrolóxica das Universidades Galegas, dos Organismos de conca intercomunitarios e do Ente Público Augas de Galicia -dependente da Administración Autonómica-.
O obxectivo do curso é que os asistentes coñezan en que consiste o proceso e elementos para a elaboración dos plans hidrolóxicos e a avaliación e clasificación das masas de auga, as presións e impactos que sofren e os programas de medidas para protexer e mellorar o seu estado. Ademais, estanse a tratar outros aspectos como a implementación dos caudais ecolóxicos e os aspectos económicos e ambientais a ter en conta na elaboración dos plans hidrolóxicos.
Como complemento aos relatorios, programouse unha visita de campo ao río Lonia para a valoración, in situ, dos diferentes indicadores biolóxicos, hidromorfológicos e físico-químicos necesarios para avaliar o estado desta masa de auga.