
O obxecto desta actuación, na que se investiron máis de 670.500 euros, é evitar inundacións no tramo urbano do río, utilizando a súa propia capacidade como elemento canalizador da drenaxe natural e a posta en valor do ámbito fluvial
Ampliouse a ponte do Bouzo e substituíuse a pasarela peonil da zona das piscinas
O delegado do Goberno e o presidente da CHMS supervisaron o resultado dos traballos, acompañados polo alcalde da localidade, o presidente da Deputación e o subdelegado do Goberno
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), finalizou as obras de mellora do dominio público hidráulico e da capacidade de desaugadoiro do río Limia, ao seu paso polo tramo urbano de Xinzo de Limia (Ourense), que foi executado en seis meses, tras un investimento de máis de 670.500 euros.
O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, supervisaron o resultado das actuacións esta mañá, acompañados polo alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, polo presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, e polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, entre outras autoridades.
O PROXECTO
O obxectivo deste proxecto é evitar as inundacións do tramo urbano do río Limia, utilizando a súa propia capacidade como elemento canalizador da drenaxe natural, así como o acondicionamento e a posta en valor e integración do ámbito fluvial na zona urbana de Xinzo de Limia.
As actuacións proxectadas iniciáronse coa demolición da pasarela peonil de acceso ás piscinas municipais, que se encontraba en mal estado e supoñía un perigo importante para os viandantes, e a posterior construción de nova pasarela de metal, de 2.50 m de ancho e 45 m de lonxitude.
Por outra parte, procedeuse á ampliación da ponte do Bouzo, conseguindo unha sección final de calzada de 6 m, que permite o paso simultáneo de dous vehículos, así como dúas beirarrúas peonís laterais de 1.25 m de ancho, o que implica unha mellora importante da seguridade vial.
Para completar as actuacións descritas, leváronse a cabo traballos de restauración e mellora das condicións hidráulicas da canle, consistentes na limpeza e roza selectiva da vexetación de ribeira, eliminación das especies en mal estado fitosanitario así como as especies invasoras. Por outra parte, procedeuse á restauración de marxes e de noiros debilitados, empregando para iso técnicas de bio-enxeñaría e revexetación.
INVESTIMENTO
Estas actuacións foron financiadas nun 80% a través de Fondos Europeos, e o 20% restante foi sufragado polo Ministerio, a través da CH do Miño-Sil. Pola súa banda, o Concello de Xinzo de Limia encargouse de poñer os terreos a disposición da Confederación para a execución das obras.