Esta actuación, cuxo grao de execución supera o 70%, evitará as verteduras de augas residuais e as infiltracións do propio río na rede de saneamento
O delegado do Goberno e o presidente da CH do Miño-Sil supervisaron esta mañá a boa marcha dos traballos, acompañados polo vicepresidente da Xunta de Galicia, polo presidente da Deputación provincial e polo alcalde da localidade, entre outras autoridades
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), inviste máis de 3,2 millóns de euros na restauración ambiental e mellora da drenaxe no río Canedo ao seu paso polo tramo urbano de Ponteareas (Pontevedra), coas que se beneficiará ao conxunto da poboación do municipio, que supera os 23.000 habitantes.
Esta mañá, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o presidente da CH do Miño-Sil, Francisco Marín, supervisaron a boa marcha dos traballos, acompañados polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; polo presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán; polo alcalde da localidade, Salvador González; polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello; e polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores, entre outras autoridades.
Estas actuacións son financiadas a través de Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), deseñados dentro do período 2007-2013, cunha porcentaxe de financiamento do 80% por parte da CHMS, e do 20% restante por parte da Deputación de Pontevedra.
PROXECTO
O obxectivo do proxecto é a mellora da capacidade de drenaxe do río Canedo que, debido á escasa sección hidráulica dos tramos entubados e á deterioración ambiental froito da presión urbanística, presentaba un mal funcionamento no sistema de saneamento, o que provocaba verteduras recorrentes aos ríos Canedo e Tea.
Para dotar dunha solución á casuística detectada, programouse a construción de distintas seccións de paso, necesarias para facilitar o desaugadoiro dos caudais de avenida, evitando posibles verteduras e infiltracións de augas residuais ao río e á rede de saneamento no seu percorrido final.
Entre as actuacións máis importantes do proxecto encóntrase a mellora do colector de augas fecais ao longo do trazado da obra, que consistiu na rehabilitación de parte do colector de formigón existente e na execución de novos tramos de colector de 1000 mm de diámetro, estando pendente o remate desta actuación na zona de Matadero. Neste mesmo tramo estase a construír unha ponte para facilitar o acceso ao supermercado existente e un novo tramo de colector de augas residuais que entroncará co colector xa executado.
Pola súa banda, na zona da piscina tivo que ser demolido o aparcadoiro, viais e vestiarios para proceder á canalización soterrada do río Canedo mediante marcos prefabricados de formigón nunha lonxitude de 180 m, coa reposición posterior das instalacións ao seu estado orixinal, actuación que se está a desenvolver neste momento.
DESEMBOCADURA DO RÍO CANEDO
Na desembocadura do río Canedo, situada nunha zona LIC, procedeuse á protección da marxe mediante bioingeniería a base de estaquillado vivo de vexetación autóctona para, posteriormente, proceder a abrir a canle, protexendo ambas as dúas marxes con dique granítico.
Ademais das actuacións xa descritas, continúase traballando na zona da Rúa Cerviño, na que xa foron realizadas as demolicións de muros e edificacións e se executou a apertura da canle do río e a protección de marxes mediante dique granítico e as drenaxes de augas pluviais, para rematar coa execución dun sendeiro peonil, que actualmente se está a rematar.
Tamén, na zona do Muíño, tras a execución do acondicionamento e limpeza do terreo, foi executada unha pasarela de madeira cimentada sobre estacas de madeira, estando pendente a continuación da senda peonil que discorre paralela ao río.
Para completar o percorrido, nas zonas de San Vicente e As Cachadas procedeuse á limpeza da canle e marxes e á execución de varias drenaxes transversais, que se completaron cunha senda peonil e unha pasarela de madeira pilotada, actuacións xa rematadas.
Neste momento foron acometidas máis do 70% das actuacións proxectadas, estando prevista a finalización da obra para abril do presente ano.