
Estas actuacións mellorarán a capacidade de tratamento da EDAR actual para evitar cargas contaminantes ao río Sil
Actualmente está executada o 20% da obra
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), executa as obras de ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Barco de Valdeorras-Ourense, nas que se investirán máis de 1,4 millóns de euros.
Esta mañá, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o presidente da CH do Miño-Sil, Francisco Marín, realizaron unha visita á zona para supervisar a boa marcha dos traballos. Nesta visita estiveron acompañados polo alcalde da localidade, Alfredo García, e polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, entre outras autoridades.
O director das obras realizou in situ unha exposición detallada das actuacións e da cronoloxía dos traballos que se están a levar a cabo.
A actuación está incluída no programa operativo de financiamento con cargo aos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil deseñou dentro do período 2007-2013, cunha porcentaxe de financiamento do 80% pola CHMS e cun 20% polo Concello do Barco de Valdeorras.
PROXECTO
O obxectivo destas actuacións é a mellora da capacidade de tratamento da EDAR co fin de mellorar as cargas contaminantes vertidas ao río Sil e garantir o cumprimento dos parámetros de vertedura establecidos na autorización correspondente.
Unha vez detectados os problemas existentes, tanto na propia EDAR coma na rede de saneamento, programáronse actuacións de modificación do trazado dos dous colectores que chegan á EDAR, habilitando un espazo para situar o novo pretratamento e adecuar a súa conexión coa nova obra de chegada.
Na propia EDAR estase a executar unha nova construción, obra de chegada, na que se conectan os dous colectores antes mencionados, un pozo de grosos e unha canle de desbaste previos ao bombeo de cabeceira. Por outra parte, rehabilitarase o pozo de bombeo existente e construirase un novo para aloxar 4 bombas de nova implantación, axeitadas aos caudais da nova liña de pretratamento que duplicará a súa capacidade.
Está previsto no proxecto a rehabilitación da estrutura do muro exterior do reactor biolóxico e renovaranse os seus equipos de aireación e de axitación. Tamén está programada a renovación dos sistemas de bombeo para recirculación de lamas e para extracción de lamas en exceso e a instalación de novo equipamento para instrumentación e control da planta.
Actualmente encóntrase executado o 20% da obra, estando prevista a súa finalización para setembro de 2015, data a partir da que se poderá dar servizo a unha poboación de 20.000 habitantes.