O Esquema Provisional de Temas Importantes foi informado favorablemente polo Comité de Autoridades Competentes e pola Xunta de Goberno da demarcación
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio continúa cumprindo os prazos establecidos pola UE e avanza no proceso de revisión dos plans hidrolóxicos, que deberán estar revisados antes de que finalice 2015
A Xunta de Goberno aprobou tamén o proxecto de presuposto do Organismo de conca para o exercicio 2015, que ascende a 45,4 millóns de euros, dos que 34,2 millóns de euros se destinarán a investimentos
O Consello da Auga do Miño-Sil aprobou por maioría a primeira fase da revisión do Plan Hidrolóxico desta demarcación hidrográfica, no marco do segundo ciclo de planificación hidrolóxica. Previamente, o Esquema Provisional de Temas Importantes fora informado favorablemente polo Comité de Autoridades Competentes e pola Xunta de Goberno.
Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, presidiu hoxe as reunións, convocadas para continuar avanzando o procedemento de planificación e dar cumprimento á normativa aplicable en materia de augas.
O Esquema Provisional de Temas Importantes recolle as principais cuestións que marcarán a planificación hidrolóxica da demarcación para o novo ciclo de planificación 2016-2021. Trátase dun documento que, ademais, se viu enriquecido coas suxestións e achegas recibidas de cidadáns e colectivos durante o seu proceso de información pública.
Por outra parte, a Xunta de Goberno acordou por unanimidade a continuación do proceso de revisión do vixente plan hidrolóxico da Demarcación, 2009-2015, e a aprobación do seu informe de desenvolvemento, elaborado conforme ao disposto no Regulamento de Planificación Hidrolóxica, previa a súa elevación ao Consello da Auga e ao Ministerio.
Ademais, e para cumprir co procedemento planificador, acordouse propoñer ao Consello da Auga a convocatoria da Comisión de Planificación Hidrolóxica e Participación Cidadá, que terá lugar o próximo 15 de outubro, coa finalidade de tratar os asuntos referentes ao novo Plan Hidrolóxico 2015-2021 e o seu programa de medidas.
Coa aprobación deste documento, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio segue avanzando no proceso de revisión dos Plans Hidrolóxicos, co obxectivo de ter revisados todos os plans antes de rematar o ano 2015, e poder así cumprir co prazo establecido pola Unión Europea.
PRESUPOSTO PRÓXIMO EXERCICIO
Por último, a CHMS tamén someteu á Xunta de Goberno o proxecto de presuposto para o próximo ano 2015, cifrado en 45,4 millóns de euros, dos cales se destinarán a investimentos 34,2 millóns, máis do 75% do total.
Tamén se someteu á consideración deste órgano de goberno do organismo a memoria anual do exercicio 2013, na que se recollen os fitos e cifras máis salientables da súa xestión nas súas distintas facetas, como a do dominio público hidráulico e as actividades de fomento, consistentes na realización de distintas obras de saneamento ou acondicionamento e defensa de marxes de ríos, que supuxeron un investimento de catro millóns de euros (4.000.000 €).
No apartado de rogos e preguntas o presidente tomou a palabra para salientar o avance na redución dos prazos de resolución de expedientes, Estou satisfeito co avance pero, como este é un reto que me propuxen dende a miña incorporación ao Organismo, non cesarei no meu empeño de continuar mellorando. A xeito de exemplo, hei de indicar que máis alá dos prazos establecidos na normativa, das máis de 4000 solicitudes anuais recibidas, que dan orixe a outros tantos expedientes, no referente a tallas e autorizacións de obras reducimos dende o ano 2010 ao 2013 de 7 a 4 meses de prazo de resolución; se falamos de autorización de obras en dominio público hidráulico (DPH) a redución foi de 9 a 6 meses; e no referente a concesións de auga pasamos de 25 meses a 13", apuntou.