
Estase a traballar na restauración dun dique e na reconstrución do paseo peonil que discorre paralelo ao río que resultaron danados polos temporais rexistrados nos primeiros meses deste ano
O Ministerio está a investir en total máis de 1,2 millóns de euros en paliar os efectos causados polos temporais no Dominio Público Hidráulico da provincia de Ourense
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (MAGRAMA), a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), intensificou os traballos de reparación dos danos causados polos intensos temporais de chuvia e vento que tiveron lugar nos primeiros meses deste ano no Concello de Lobios (Ourense), e que provocaron importantes danos no dique e no paseo que discorre paralelo ao río Caldo.
Esta mañá o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, acompañado polo presidente da CH do Miño-Sil, Francisco Marín, visitou a zona de actuación, para comprobar, in situ, a boa marcha dos traballos, nos que o Ministerio está a investir máis de 200.000 euros. Na visita estiveron acompañados pola alcaldesa de Lobios, Mª del Carmen Yáñez, e polo subdelegado do Goberno na provincia, Roberto Castro.
ACTUACIÓNS NO RÍO CALDO
A obra que executa a CHMS iniciouse o pasado mes de abril e consiste, basicamente, na protección dos noiros existentes nas marxes do río Caldo, mediante a reconstrución do dique existente e a prolongación desta, para garantir a súa estabilidade. Así mesmo, os traballos consideran o acondicionamento da senda fluvial que resultou afectada pola importante enchente do río durante os temporais.
A actuación estase a desenvolver en dous tramos dunha lonxitude total aproximada de 150 metros na marxe dereita do río Caldo, nunha zona próxima ao balneario.
Paralelamente, e dentro das obras de restauración hidrolóxico-forestal que o Organismo de conca está a executar en Galicia, estanse tamén acometendo unha serie de actuacións de roza e de eliminación do exceso de matogueira e a maleza acumulada, co obxectivo de mellorar a capacidade de desaugadoiro do río e acondicionar a banda de vexetación de ambas as dúas marxes, o que contribuirá a protexer a canle de inundacións e avidas.
BALANCE ACTUACIÓNS DE EMERXENCIA
En total o MAGRAMA, a través da CHMS, está a investir na provincia de Ourense máis de 1,2 millóns de euros para paliar os efectos causados por dos temporais rexistrados en Galicia, entre finais de 2013 e os primeiros meses de 2014.
A día de hoxe, e unha vez que o nivel das augas permitiu traballar con seguridade, está executado algo máis do 33% das actuacións previstas no conxunto da provincia.
Concretamente, xa se executou o 35% das actuacións programadas para a reparación dos danos causados no dominio público hidráulico e para a mellora da capacidade de desaugadoiro dos ríos Miño, Limia e afluentes. Ademais, executáronse un 37% dos traballos de mellora da capacidade de desaugadoiro que se están a acometer nos ríos Matabois, Requeixo, ou Regato e Bibei.
Estas actuacións mellorarán a capacidade de desaugadoiro das infraestruturas existentes, eliminando así riscos para os usuarios e reducindo as inundacións asociadas, todo iso en cumprimento coa normativa vixente.
MEDIDAS ADOPTADAS POLO GOBERNO
Estas obras enmárcanse dentro das actuacións aprobadas por Real Decreto Lei, do Consello de Ministros o pasado 21 de febreiro, para a adopción de medidas urxentes para reparar os danos causados polas tormentas de vento e mar na fachada atlántica e a costa cantábrica, cun presuposto total de preto de 44 millóns de euros.