
As xornadas celebraranse entre o 4 e o 8 de novembro e dirixidas especialmente aos estudantes de ciencias e enxeñaría
O obxectivo destas é poñer en valor a experiencia do MAGRAMA na xestión da auga e complementar a formación académica dos futuros profesionais
O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (MAGRAMA), copresidiu, co Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o acto de apertura da Semana das Ciencias e a Auga.
Neste acto, celebrado na Facultade de Ciencias do Campus de Ourense, estiveron acompañados por Pedro Araujo, Decano desta Facultade e do Xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica da CHMS, Carlos Guillermo Ruiz del Portal.
As distintas actividades e relatorios serán impartidos por profesionais de dilatada experiencia na xestión da auga e achegarán unha visión práctica dende os diferentes sectores de actividade. Os relatores seleccionados proceden das Universidades galegas, dos Organismos de conca, da Administración Local, de Organizacións de conservación e defensa do medio natural, así como do sector privado.
O seminario, arranca cunha primeira xornada sobre planificación hidrolóxica de acordo cos principios da Directiva Marco da Auga, facendo especial fincapé na avaliación e control do estado das masas de auga e os novos plans das demarcacións hidrográficas recentemente aprobados.
Tamén se expoñerán as análises das presións e impactos que actualmente afectan aos nosos ríos, así como as medidas que permiten ir avanzando na mellora do seu estado.
Levaranse a cabo, tamén, relatorios sobre os aspectos da auga como recurso natural cuxo aproveitamento debe de ir encadrado dentro da filosofía do desenvolvemento sostible, así como a visión que destes aspectos teñen os colectivos ambientalistas.
"Atendendo ao foro no que se desenvolven estas xornadas, dedicaremos un apartado ás distintas saídas profesionais que ofrece o sector da auga e do medio, tratando de valorizar as iniciativas e a experiencia do MAGRAMA en relación coa xestión da auga", indicou Francisco Marín, presidente da CHMS.
Para completar esta acción formativa, está prevista, ademais, unha visita ao Centro de control de conca da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, en Ourense, así como a unha das estacións automáticas de control das augas que integran a nosa rede de monitorización de parámetros hidrolóxicos e de calidade. Debedes coñecer a tecnoloxía que nos permite coñecer en tempo real a situación dos nosos ríos dende a perspectiva da calidade das súas augas como da súa situación hidrolóxica" explicou o presidente do organismo de conca.