
Demolerase a actual pasarela peonil de acceso ás piscinas, actualmente en desuso, e construirase unha nova
Ampliarase a ponte do Bouzo para permitir o paso simultáneo de dous vehículos e mellorar a seguridade vial
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (MAGRAMA), a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), executará as obras para a mellora do dominio público hidráulico e da capacidade de desaugadoiro do río Limia, ao seu paso polo tramo urbano de Xinzo de Limia (Ourense), cun investimento de 837.347 euros.
O convenio foi asinado, nun acto presidido polo delegado do Goberno en Galicia, entre o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, e o alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez. No acto, celebrado no Concello de Xinzo, estiveron tamén presentes o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, o presidente da Deputación Provincial, Jose Manuel Baltar, e o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, entre outras autoridades. do Goberno en Ourense, Roberto Castro, o presidente da Deputación Provincial, Jose Manuel Baltar, e o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, entre outras autoridades.
Estas actuacións están incluídas no programa operativo de financiamento con cargo aos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil deseñou dentro do período 2007-13, e que contan coa participación e apoio cidadán das poboacións implicadas, para levar a cabo actuacións para a mellora ambiental do ámbito dos ríos.
O PROXECTO
O obxecto do proxecto contempla as actuacións necesarias para levar a cabo o acondicionamento e posta en valor do río Limia mellorando a súa capacidade como elemento canalizador da drenaxe natural, e a integración deste dentro da trama urbana na que se desenvolve a actuación.
Os traballos de restauración e mellora das condicións hidráulicas da canle, consistirán na limpeza e roza selectiva da vexetación de ribeira, eliminando as especies cun mal estado fitosanitario así como as especies invasoras. Por outra parte, levaranse a cabo labores de restauración de marxes e de noiros debilitados, empregando para iso técnicas de bio-enxeñaría e revexetación.
Tendo en conta que a zona de actuación comprende dende a pasarela peonil de acceso ás piscinas municipais ata a ponte da pista do Bouzo, o proxecto considera a construción de nova pasarela peonil, de metal, e de dimensións 2.50 m de ancho e 45 m de lonxitude, xa que a existente se encontra en moi mal estado e supón un risco importante para os viandantes e será demolida.
Realizaranse, ademais, actuacións de ampliación da ponte do Bouzo, cunha sección final de calzada de 6 m que permita o paso simultáneo de dous vehículos, así como dúas beirarrúas peonís laterais de 1.25 m de ancho, o que supón unha mellora importante da seguridade vial.
Por último considéranse no proxecto obras de mellora no ámbito da EDAR municipal, e na zona do Mato.
As actuacións descritas realizaranse no prazo aproximado de 12 meses.