O presidente da CHMS e o alcalde de Coles supervisan as obras de saneamento do núcleo de Sequeiros
- Detalles
- Luns, 03 Abril 2023
- Está a construírse unha rede de colectores que recollerá as augas residuais deste núcleo, para a súa condución ao saneamento de Ourense
- As obras avanzan a bo ritmo e a porcentaxe de execución xa supera o 25%
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Manuel Rodríguez, alcalde de Coles, supervisaron o avance das obras de mellora do saneamento e bombeo de augas residuais en Sequeiros coas que se evitarán as verteduras recorrentes ao regato Lusín.
O proxecto
Actualmente xa foi executado máis do 25% do proxecto de construción dunha rede de colectores que recollan as augas residuais que chegan á fosa existente xunto ao arroio Lusín, ao sur de Soutullo de Abaixo, para, unidas ás procedentes do núcleo de Sequeiros, ser conducidas ata a rede de saneamento de Ourense. Esta actuación require, ademais, a realización de obras na rede de Ourense que permitan ampliar a capacidade das conducións actualmente existentes e que posibiliten a conexión destas novas verteduras á EDAR.
“A colaboración entre Administracións é fundamental para conseguir un uso sostible dos recursos; neste proxecto aproveitarase o sistema de saneamento, construído recentemente no Concello de Ourense e dotado de tecnoloxía punteira, para poñer fin aos problemas recorrentes de verteduras que ten o municipio de Coles, limítrofe coa capital ourensá”, concluíu Quiroga.