
O ano hidrolóxico 2017-2018 deixa os encoros ao 56,38%, un 14,11% máis de volume que hai un ano
- Detalles
- Mércores, 03 Outubro 2018

- A partir de decembro a reserva hidráulica foi aumentando paulatinamente ata alcanzar o máximo anual a finais de abril
- En canto ao caudal circulante a maior diferenza porcentual produciuse en novembro, con caudais medios mensuais duns 82,4 % inferiores ao valor medio
- A irregular distribución da precipitación, alternándose meses moi secos con meses moi húmidos, pon de manifesto o efecto do cambio climático
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, fai balance do ano hidrolóxico 2017-2018 no que destaca, ao peche do mesmo, que a auga embalsada atópase ao 56,38% -1.707,48 hm3-, un 14,11 % maior que a cantidade de auga embalsada hai un ano e un 1,64 % maior que a enchida media histórica nestas datas do ano.
Os encoros da Demarcación Miño-Sil, cunha capacidade total de 3.028,44 hm3, comezaron o ano hidrolóxico 2017/18 cunha reserva de 1.280,24 hm3, un 13,46 % por baixo da media histórica para esa época do ano, -1.688,77 hm3-.
Debido a un outono seco, as reservas acumuladas descenderon ata alcanzar o mínimo a comezos de decembro, situándose ao 37,49% da súa capacidade cun volume de 1.135,26 hm3, o que supón 20,09 % por baixo da media histórica.
A partir de decembro, e grazas ás precipitacións rexistradas, a reserva foi aumentando paulatinamente ata alcanzar o máximo anual a finais de abril, 2.662,94 hm3, que supón un 10,88 % por encima do valor media.
Caudais e achegas
Os caudais medios rexistrados nos diferentes puntos da Demarcación durante o ano hidrolóxico 2017/18 mostran que comezou cuns rexistros de caudal medio mensual moi por baixo da media histórica, consecuencia non só das baixas precipitacións rexistradas neses meses, senón que tamén debido á situación de seca prolongada acaecida en toda a Demarcación desde xaneiro de 2017 e que se alongou ata marzo de 2018.
A maior diferenza porcentual produciuse en novembro, onde os caudais medios mensuais foron de media un 82,4 % menores ao valor medio. Co paso dos meses, a medida que se acumulaban as precipitacións, a situación foi mellorando ata alcanzar no mes de marzo un caudal medio por encima da media histórica, en particular un 105,5 % superior.
O ano hidrolóxico conclúe cun mes de setembro no que o caudal medio mensual situouse nun valor lixeiramente superior á media histórica, un 7,2 %.
Nivel precipitacións
A precipitación anual media rexistrada na Demarcación foi de 1.156 l/ m2, valor practicamente igual á precipitación media da serie histórica (1980-2012). Mensualmente hai que destacar os meses de outubro, novembro, maio, agosto e setembro como “moi secos”, sendo ademais xaneiro un mes “seco”; marzo e xuño como “moi húmidos”, e decembro, abril e xullo como “húmidos”.
A irregular distribución da precipitación, alternándose meses moi secos con meses moi húmidos, pon de manifesto os cambios na climatoloxía que, de forma paulatina, imos observando.