
A Confederación Miño-Sil e a Consellería do Medio Rural rubrican un Protocolo de colaboración que simplificará as autorizacións administrativas dos aproveitamentos forestais
- Detalles
- Martes, 24 Abril 2018

Non supoñerá custo económico algún ás partes e mediante a coordinación administrativa reduciranse notablemente os tempos de resposta ao cidadán
O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), e a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, asinaron un Protocolo que mellorará a coordinación administrativa respecto dos aproveitamentos forestais.
Tal e como consta en Protocolo asinado esta mañá polo presidente da CHMS, Francisco Marín, e pola Conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, estas actuacións de coordinación administrativa non supoñerán custo económico algún adicional para as partes, para o que se empregarán os medios materiais e humanos cos que contan ambas as Administracións.
O sector forestal ten especial peso e importancia en Galicia, xerando riqueza e postos de traballo en zonas rurais, nas que xera unha destacable actividade económica, polo que se estima oportuno facilitar os labores inherentes, sempre desde o respecto e exercicio das competencias que as Administracións Públicas implicadas teñen atribuídas.
Protocolo
Este Protocolo nace co obxectivo de axilizar os trámites das autorizacións para os aproveitamentos forestais en zona de policía; é dicir, a 95 metros contados a partir da finalización dos 5 metros da zona de servidume de canles públicas, lagos, lagoas e encoros na Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil; salvo que conten cun Instrumento de Ordenación aprobado pola Administración autonómica e informado favorablemente polo Organismo de conca.
Para iso e por vontade expresa do solicitante, a declaración responsable ou a solicitude de autorización única que estes presenten ante os Servizos de Montes das respectivas Xefaturas Territoriais da Consellería do Medio Rural, considerarase tamén solicitude de autorización dos traballos forestais ante a CHMS co que se evitará realizar outra nova tramitación ante o Organismo de conca.
Pola súa banda, os Servizos de Montes remitirán as solicitudes de autorización única e as declaracións responsables presentadas aos servizos centrais da Comisaría de Auga da CHMS, na que se tramitarán todas as solicitudes con independencia da provincia onde se presentaron. Ademais, remitirán á CHMS os informes das visitas de campo que se realicen con ocasión dos controis e das inspeccións dos traballos.
Ditada resolución polo Organismo de conca, notificarase persoalmente ao solicitante e comunicarase ao respectivo Servizo de Montes.
Coa implementación dos mecanismos de coordinación entre ambas as administracións espérase reducir sensiblemente os tempos de resposta da CHMS que na actualidade a normativa recolle nun máximo de 6 meses.
“A coordinación entre Administracións para mellorar o servizo ao cidadán é avanzar cara a un servizo público de calidade”, concluíu Francisco Marín, presidente da CHMS.