• imprimir

Persoal das distintas Confederacións Hidrográficas visitaron a CHMS e ampliaron a súa formación sobre redes de control e seguimento hidrolóxico

Francisco Marín clausurou esta actividade formativa.

Asistiron un total de 26 empregados públicos das distintas Confederacións Hidrográficas dependentes do Estado.

O alumnado recibiu tamén clases prácticas nas que se incluíron visitas de campo a estacións de medición e control situadas en varios ríos da demarcación.

Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (MAGRAMA), clausurou hoxe, en Ourense, o curso "Redes de control e de seguimento hidrolóxico", que se celebrou entre os días 23 e 26 de setembro e que está incluído no plan de formación anual do MAGRAMA.

Esta actividade formativa estivo organizada por persoal da CHMS e os alumnos puideron contar con profesorado especializado procedente de distintos sectores de actividade, profesores das Universidades Vigo e A Coruña, expertos de consultoras especializadas na materia, ademais de persoal da Dirección Xeral da Auga do MAGRAMA, de Augas de Galicia e da propia Confederación do Miño-Sil.

En canto ás materias impartidas fíxose especial fincapé no control en tempo real dos caudais circulantes polos ríos e na metodoloxía para a súa previsión a partir de predicións meteorolóxicas mediante o uso de distintos modelos informáticos.

Por outra parte, estudáronse as diferentes redes de control tanto automáticas coma manuais para o seguimento do estado cualitativito e cuantitativo das masas de auga e sobre todo explicouse a súa utilidade na planificación hidrolóxica, a prevención fronte ás inundacións, o control da calidade das augas, as verteduras e a vixilancia do dominio público hidráulico en xeral.

"Con este curso tratouse de impartir coñecemento das diferentes redes de control que constitúen o instrumento clave para o cumprimento das obrigas legais en materia de prevención de danos fronte a inundacións ou secas, control e seguimento do estado das masas de auga e avaliación de riscos, de aí que se considere esencial para o persoal dos Organismos de conca ter un amplo coñecemento nestas materias", indicou Francisco Marín

"Para rematar, quero agradecer a vosa visita á cidade Das burgas e a vosa constancia e asistencia ao curso que organizamos. Estou seguro de que vos terá reforzado os coñecementos que xa tiñades acerca dos sistemas de control e seguimento hidrolóxico e que poderedes levalos á práctica, non esquezamos que é necesario previr para evitar" concluíu Marín.

 IMG 0325

Descargar PDF

 

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.