
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio colabora con Portomarín no proxecto “Camiños de auga e soños”
- Detalles
- Sábado, 29 Xuño 2013

Esta iniciativa pon en valor un ecosistema fluvial cun ámbito xeográfico e cultural de elevado potencial turístico e rende homenaxe o esforzo e sacrificio dos veciños protagonistas daqueles anos
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (MAGRAMA), a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), participou esta mañá no acto de presentación do proxecto multimedia "Portomarín, camiños de auga e soños", celebrado na Casa da Cultura do Concello de Portomarín.
O acto de presentación estivo presidido polo alcalde de Portomarín, Juan Serrano e o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, xunto co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, o presidente da CHMS, Francisco Marín, e os membros da corporación municipal do concello.
Destacar a importante presenza de máis dun centenar de veciños, entre eles unha vintena de alumnos do CEIP Virxe da Luz de Portomarín, premiados no concurso de debuxo e narrativa, incluído neste singular proxecto. Uníndose a eles distintas autoridades, entre as que se encontraban o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, así como alcaldes da bisbarra e limítrofes, entre outras autoridades.
No acto, ademais da proxección dun video que recolle imaxes dos anos 60 e testemuños dos propios veciños, se presentou un libro conmemorativo do cincuentenario e contou coa intervención dunha experta no traslado de monumentos do vello ao novo Portomarín, a doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago e profesora da Universidade de Vigo, Belén Castro.
Esta iniciativa, promovida polo Concello de Portomarín e na que colaborou o MAGRAMA a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, quere poñer en valor o pasado e o presente dunha vila que despois de desaparecer coa construción do encoro de Belesar, renaceu a poucos centos de metros do seu asentamento orixinal. O proxecto ten vontade de ser unha ferramenta para o coñecemento e difusión dun episodio decisivo para o municipio pero que tamén marca un punto de inflexión na historia recente de Galicia.
O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil salientou que o organismo que preside quere "colaborar co Concello para que non se perda a memoria histórica e que se recollan vivencias para as xeracións próximas". Marín considera que Portomarín debe reivindicar o seu patrimonio como un dos principais atractivos que posúe: "penso que as iniciativas de futuro poden estar ligadas a ese viaxeiro do Camiño de Santiago que ten parada e fonda en Portomarín, para o que o encoro e a súa historia pode ser un valor engadido".
Pola súa banda, o delegado do Goberno quixo resaltar a importancia da colaboración entre institucións e destacou o apoio do MAGRAMA a iniciativas como a auspiciada polo Concello de Portomarín e máis en épocas de crise, cando é máis necesario que nunca facer investimentos. Un investimento neste caso, engadiu, que ten unha dobre determinación, por ser un valor inmaterial, pero tamén tanxible en forma de legado para as xeracións vindeiras.
O alcalde de Portomarín afirmou que a capital municipal deu no último medio século unha lección xa que "malia todos os obstáculos, decidiu vivir". Juan Serrano valorou moi positivamente un traballo que agarda que "sirva para unha mellor comprensión e difusión destas terras" e que á vez valla para homenaxear tantas mulleres e homes que aprenderon a superar adversidades titánicas e, sobre todo, que o seu exemplo nunca sexa esquecido polas xeracións próximas".
O proxecto
"Portomarín, camiño de auga e sonos" baséase nun extenso traballo de campo que queda plasmado nun libro que leva o mesmo nome, un portal electrónico e unha exposición presencial que servirán como recursos informativos para todas as persoas que queiran achegarse á realidade dun dos núcleos fundamentais da ribeira do Miño. O traballo tamén recolle numerosos testemuños de veciños que rememoran diante da cámara as súas vivencias no vello e novo Portomarín.
O traballo "Portomarín, camiños de auga e soños" está composto dos seguintes fitos que foron presentados este sábado e xa están dispoñibles para veciños e visitantes:
1- Libro conmemorativo
Na xornada deste mesmo sábado comezou a distribución do libro "Portomarín, camiños de auga e soños". Ao longo de 72 páxinas recóllese, entre outros temas, o devir do municipio neste medio século, o patrimonio co que conta a capital municipal, o traballo de hemeroteca, o Portomarín revelado de Pepe Pereira, numerosos testemuños de veciños e artigos de opinión.
As imaxes, moitas delas inéditas, xogan un papel fundamental nunha obra que pretende ter un ton divulgativo sen esquecer o necesario rigor informativo e documental.
2- Exposición
Tamén este sábado se inaugurou na Casa da Cultura a exposición do proxecto. A mostra conta con doce paneis informativos mediante os cales o visitante pode coñecer datos sobre as características do encoro, do traslado de poboación e información cultural e histórica do municipio. Os paneis, que utilizan un modelo de textos trilingüe (galego, castelán e inglés), quedarán a disposición do Concello de Portomarín.
3- Portal electrónico (www.augaesonos.org)
A inclusión das novas tecnoloxías é outro dos alicerces do proxecto. O portal electrónico (www.augaesonos.org), xa activo, servirá de escaparate na rede. Neste poderán verse todos os contidos que aparecen no libro e nos paneis expositivos pero tamén cuantioso material orixinal (texto, fotos e vídeos) dos traballos de campo.
4- Concurso Escolar
Durante os meses de abril e maio os escolares de educación Infantil e Primaria do colexio Virxe da Luz de Portomarín participaron activamente no proxecto por medio dun concurso de narración e debuxo. Neste pedíaselles que plasmasen as súas vivencias arredor do río.
Todos e cada un dos alumnos e alumnas do centro participaron da actividade. Na xornada deste sábado entregóuselle un lote de libros a cada un dos 16 nenos e nenas premiados no certame.