• imprimir

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil realiza actuacións prioritarias nos ríos da provincia de Lugo

Actuarase nos ríos Sarria e Celeiro -Concello de Sarria- e no río Cabe -Concello de Monforte-

Actuacións incluídas dentro do programa operativo FEDER-Galicia que financiará o 80% do seu importe

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil -CHMS-, Organismo Autónomo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio -MAGRAMA-, cumpre co compromiso de realizar actuacións prioritarias nos ríos da súa conca co fin de reducir riscos de inundacións nos meses máis chuviosos. Para iso a CHMS programou a execución de varias actuacións nos ríos da provincia de Lugo, que serán financiadas nun 80% con fondos FEDER.

Proxecto de adecuación da canle e ordenación de marxes dos ríos Sarria e Celeiro no TM. Sarria (1ª fase)

Para a realización desta actuación o investimento total aproximado é de 6,7 millóns de euros, dos que o 20% serán achegados pola Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia. Neste caso, a Confederación Hidrográfica será a encargada de expropiar as propiedades afectadas polas obras.

A actuación forma parte dun plan para reducir os graves riscos que as inundacións provocan no núcleo de Sarria. Os traballos esténdense dende a ponte da rúa Peregrino ata a ponte da rúa Calvo Sotelo, o que significa a reordenación de aproximadamente 500 metros de canle. Nesta fase remodelaranse tres pontes -rúas: Peregrino, Calvo Sotelo e Castelao- e unha pasarela -cale Toleiro- para que deixen de ser un obstáculo fronte ás avenidas. Tamén se actuará sobre o propio paseo do Dique facendo compatible o seu uso cos períodos de avenidas e modernizando a súa imaxe.

Nestes momentos estase a rematar de redactar o proxecto construtivo, que unha vez supervisado será sometido á súa Información Pública. Respecto á tramitación ambiental, este proxecto superou a súa tramitación na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural, concluíndo que non precisa de avaliación de impacto ambiental. Finalmente estamos á espera de da resolución da Dirección Xeral de Patrimonio de la Xunta de Galicia, co fin de obter a súa preceptiva autorización para o inicio das obras.

Acondicionamento da canle e marxes do río Cabe ao seu paso por Monforte de Lemos (Lugo) Tramo: A Compañía-Núcleo de Piñeira

O investimento total aproximado será de 4,7 millóns de euros, dos que o 20% serán achegados pola Deputación Provincial de Lugo. O Concello de Monforte de Lemos participa activamente neste proxecto mediante a cesión dos terreos necesarios para a execución das obras.

O proxecto está redactado e supervisado, estando pendente unicamente a aprobación deste para ser sometido a Información Pública. En relación á tramitación ambiental, unha vez finalizado o prazo de Información Pública remitirase o proxecto completo á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural do MAGRAMA, para ser sometido a avaliación de impacto ambiental.

Esta actuación pretende conseguir o acondicionamento das ribeiras do río Cabe ao seu paso por Monforte de Lemos co obxecto de lograr unha defensa do Dominio Público Hidráulico e da súa servidume, así como a prevención de inundacións. O proxecto centrouse na recuperación ecolóxica e social mediante actuacións "brandas", en consonancia co ámbito en que se enmarcan, garantindo a conservación dos valores ambientais asociados a esta canle e asegurando a súa integración na poboación.

 

Descargar PDF

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.