O Goberno de España, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, rubrica, o pasado 27 de maio, o contrato coa UTE EDAR San Cibrao, formada polas empresas Extraco e Espina Obras Hidráulicas, a través do que se executarán as obras de mellora do saneamento do río Barbaña coas que se resolverá a problemática de verteduras recorrentes á canle.
"Este proxecto de gran complexidade técnica, por localización e características, que se impulsa e materialízase polo empeño do Executivo actual, é dabondo coñecido que sufriu distintas vicisitudes ata a súa redacción definitiva; pero a fundamental a destacar produciuse no ano 2020, que, a solicitude do anterior alcalde, houbo que proceder ao cambio de localización da Edar o que supuxo un novo inicio da redacción do proxecto, reconsideración das distintas infraestruturas, revisión de terreos a expropiar, entre outros inconvenientes que non fixeron outra cousa que atrasar o procedemento" explicou o presidente da CHMS.
"En calquera caso, coa obra a piques de comezar, é difícil de entender que, tal e como saíu nalgún medio de comunicación, o deputado do PP Celso Delgado, lonxe de alegrarse pola noticia que afecta á boa marcha da provincia, faga un fraco argumento desta formalización; tendo en conta que estamos ante un proxecto que se iniciou en 2015, sen avances durante o mandato popular, e que ben podería impulsar el mesmo; e cuxas obras darán comezo polo empeño do actual goberno de España, a pesar das trabas do anterior rexedor municipal" concluíu Quiroga.
O Proxecto
O citado proxecto contempla a adecuación do sistema de saneamento do río Barbaña na contorna do Concello de San Cibrao e os seus polígonos industriais; para iso proxéctanse actuacións na rede de colectores existente, tanto de pluviais como de residuais, e a remodelación da estación depuradora de augas residuais.
O importe previsto para a execución das obras ascende a 31 mill/€.