CHMS e Concello de Monforte de Lemos rubrican o convenio de colaboración que posibilitará a fase III do saneamento integral do municipio
- Detalles
- Luns, 01 Decembro 2025
- O investimento estimado ascende a 7.900.000 euros, que será sufragada en porcentaxe 95% pola CHMS e o 5% restante polo Concello
- As actuacións propostas desenvolveranse na marxe esquerda do río Cabe e interceptor e Tanque de Tormenta no Parque dos Condes
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), e José Tomé, alcalde do municipio lucense de Monforte de Lemos, rubrican o convenio de colaboración que posibilitará as actuacións da fase III do saneamento integral do municipio.
"As novas melloras de saneamento desenvolveranse na marxe esquerda do río Cabe e complementan ás xa executadas por este organismo de conca; estas supoñen un investimento de 7.9 millóns de euros, sufragados en porcentaxe 95% por este organismo de conca e o 5% restante polo Concello", explicou o presidente.
"Este acordo posibilita a execución das novas actuacións de eliminación das augas limpas que entran á rede de saneamento na marxe esquerda do río Cabe (Rúa Feijoo), así como a construción dun tanque de tormenta e un novo interceptor con sección suficiente que permita evacuar as augas residuais que chegan ao Parque dos Condes" engadiu Quiroga.
"O convenio que asinamos hoxe é fundamental para a mellora ambiental da contorna fluvial do río Cabe, xa que eliminan definitivamente os alivios non autorizados no Parque dos Condes, e seguimos mellorando o saneamento da cidade de Monforte", valorou o alcalde.
Neste sentido, quixo agradecer ao presidente da CHMS "a sensibilidade que ten para atender as demandas que lle fago como alcalde, o que demostra que tanto o Concello de Monforte como a Confederación somos conscientes da importancia que teñen estas iniciativas para seguir mellorando a calidade da depuración, e por tanto, tamén a calidade das augas del Río Cabe".

