
CHMS e Concello de Chantada executarán unha senda no río Asma que dará continuidade aos paseos existentes
- Detalles
- Mércores, 19 Marzo 2025

-
Formalízase o compromiso da CHMS cos municipios desta demarcación en aras de avanzar na conservación e mellora dos leitos, para o uso e goce da cidadanía.
-
Actuacións que supoñen un investimento próximo aos 930.000€.
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e o alcalde do municipio lucense de Chantada, Manuel L. Varela rubricaron o convenio que posibilitará as obras de construción dunha senda no río Asma que dea continuidade aos paseos existentes.
O citado convenio determina as condicións de colaboración para o financiamento e execución das obras, establecendo o réxime da posterior entrega das mesmas para o seu mantemento e conservación.
As obras consistirán na execución de dous tramos de senda fluvial na contorna do río Asma ao seu paso pola localidade de Chantada como prolongación dos paseos xa existentes.
O proxecto
O primeiro tramo iniciarase nas inmediacións da estación depuradora de augas residuais (EDAR) e finalizará 1.150 metros augas abaixo (nas proximidades do cemiterio de Chantada).
Executarase unha senda a base de pavimento granular estabilizado, que dispoñerá de todos os elementos de drenaxe necesarios, e no que se instalará un peche con varanda de madeira para marcar o límite coas leiras afectadas polo trazado.
O segundo tramo que discorre ao longo de 700 metros, con zonas de forte pendente e outras con perfís máis suavizados, iniciarase no camiño de Sangoñedo nas inmediacións da actual estación de tratamento de auga potable (ETAP) e finalizará nas proximidades do paso da estrada LU-P-1807 sobre o río Asma.
Neste tramo está prevista a construción dun paseo de madeira tratada pilotado para as zonas de forte pendente, e nos perfís máis suaves, adoptarase a tipoloxía de pavimento granular estabilizado, utilizado no primeiro tramo.
“Actuacións que supoñen un investimento próximo aos 930.000€ coas que se formaliza o compromiso da CHMS cos municipios desta demarcación, en aras de avanzar na conservación e mellora dos leitos para o uso e goce de residentes e visitantes”, concluíu Quiroga.