A CHMS mellora a capacidade hidráulica do Rego de Vilamoure en Lugo
- Detalles
- Mércores, 07 Agosto 2024
- Actuacións de natureza puntual e selectiva ao longo de 850 m
- O investimento estimado superará os 19.000 euros
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, continúa traballando na limpeza de leitos e marxes dos ríos de Lugo, actuacións incluídas na conservación do Dominio Público Hidráulico (DPH) dos ríos da Demarcación Miño-Sil para 2024.
Esta semana comezaron unha intervención, de natureza puntual e selectiva, ao longo de 850 m do Rego de Vilamoure, co obxectivo de mellorar a capacidade hidráulica do leito (inclusive a extracción de tapóns illados ao longo do tramo) e da composición da vexetación de ribeira.
Para iso procédese á retirada de árbores secas, en pé e derrubados con estabilidade comprometida, e á eliminación de tapóns limitadores do paso de auga. Estes traballos executaranse de forma manual nas ribeiras e con apoio de maquinaria (tráctel) para retirar as madeiras situadas dentro do propio leito.
No caso de curtas de amieiros, aplicaranse as medidas ou recomendacións profilácticas co obxecto de evitar a propagación de Phytophthora alni.
O investimento estimado superará os 19.000 euros.