
A CHMS conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente co alumnado do CPI José García García de Ourense
- Detalles
- Mércores, 05 Xuño 2024

- Os máis pequenos aprenderon o funcionamento do Centro de Control de Conca e das Estacións SAIH e SAICA que fornecen os datos de caudal e de calidade das augas dos ríos en tempo real
- Nas actividades educativas incidiuse sobre a importancia de coidar o recurso e os ecosistemas para asegurar un futuro mellor
- Durante as intervencións, os escolares deron boa conta das pautas aprendidas sobre o uso responsable da auga como avance do proxecto fin de curso que expoñerán nun Congreso Final que se realizará a próxima semana na Lagoa de Fonmiñá (A Pastoriza- Lugo)
- “Queremos conseguir que os nenos comprendan que os recursos naturais son limitados e que todos deberiamos de asumir a responsabilidade individual de conservación dos mesmos” destacou o presidente
- “Os efectos cada vez máis visibles que produce o cambio climático fan que teñamos que poñer en práctica a capacidade de resiliencia para a adaptación aos novos escenarios”, engadiu Quiroga
A CHMS conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente co alumnado do CPI José García García de Ourense incidindo sobre a importancia de coidar o recurso e os ecosistemas para asegurar un futuro mellor, esta actividade estivo enmarcada dentro do proxecto de educación ambiental “Gústame o meu río”, deseñado por este organismo de conca para chegar cada ano a máis de 300 escolares das provincias do Ourense, Lugo, Pontevedra e León.
“Queremos conseguir que os mozos comprendan que os recursos naturais son limitados e que todos deberiamos de asumir a responsabilidade individual de conservación dos mesmos” destacou José Antonio Quiroga, que puido comprobar in situ a boa marcha das actividades e o interese mostrado polos alumnos e alumnas e tamén polos profesores que lles acompañaron ao longo do proxecto.
“Os efectos cada vez máis visibles que produce o cambio climático fan que teñamos que poñer en práctica a capacidade de resiliencia para a adaptación aos novos escenarios”, engadiu Quiroga
DIA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE 2024
Organizouse unha celebración lúdica pero educativa, que comezou coa visita ao Centro de Control de Cuenca -CECU- que o organismo ten en Ourense, lugar desde onde se fai unha vixilancia permanente sobre o estado dos encoros, os ríos e as augas subterráneas da demarcación, é dicir, unha ferramenta para a prevención, preparación e protección fronte aos fenómenos extremos, que está operativo as 24 horas os 365 días do ano.
Explicóuselles que o CECU recibe vía satélite, en tempo real e cada 5 minutos, un dato de cada variable hidrometeorológica (precipitación, nivel e caudal nos ríos, estado de encoros, temperatura ambiente etcétera) recollido por 116 SAIH (ofrece datos de nivel, caudal e precipitación) e 18 SAICA (ademais dos datos anteriores, controla o estado químico e ecolóxico do leito) distribuídas ao longo do 17.600 km2 da demarcación. Estes datos son públicos a través da pagina web do organismo no apartado do Sistema Automático de Información Hidrolóxica (SAIH).
A curiosidade e a novidade fixeron que os alumnos e alumnas estivesen moi participativos e relacionasen os episodios de inundacións que se producen en momentos de intensas precipitacións con estes valores que se reciben no CECU.
Despois de visitar esta instalación, os escolares do CPI José García García, fixeron unha excursión en bus ata unha desas estacións mixta SAIH/SAICA, situada na marxe esquerda do río Miño, á beira da pasarela peonil de Oira, alí descubriron como se toman os datos antes de ser enviados automaticamente e vía satélite, en tempo real, ao CECU, situado na Avenida da Habana de Ourense.
Para finalizar a xornada realizouse unha actividade máis lúdica, unha yincana sobre o aprendido, na que @s alumn@s deron boa conta dos distintos xestos diarios que poden poñer en practica para fomentar o uso responsable do recurso, como avance do proxecto fin de curso que expoñerán nun Congreso Final que se realizará a próxima semana na Lagoa de Fonmiñá (A Pastoriza- Lugo)
“Considero que os máis pequenos son a mellor canle de comunicación para conseguir un uso máis sostible da auga e para fomentar o coidado do medio ambiente, por iso, quero agradecer a vosa implicación e colaboración e tamén a boa acollida dos profesores e dirección dos centros ao aceptar este proxecto como parte da súa actividade educativa” concluíu Quiroga.