
Finalizadas as obras do sendeiro e zona de baño executadas pola CHMS no concello ourensán de Entrimo
- Detalles
- Mércores, 13 Marzo 2024

- Prolongouse o sendeiro de acceso á parte baixa do núcleo de Lantemil, ata conectalo coas zonas de baño e recreativa que se executaron na marxe dereita do encoro de Lindoso
- O investimento total superou os 375.000 euros, sufragados nun 80% pola CHMS, 5% pola Administración Local e o 15% restante pola CMVMC de Lantemil e Reloeira
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Ramón Alonso, alcalde de Entrimo, e Beatriz Pereira, Presidenta da Xunta Reitora da Comunidade de Monte Veciñal en man común (CMVMC) de Lantemil e Reloeira, supervisaron as obras do sendeiro e zona de baño e lecer executadas polo Organismo de conca no núcleo de Lantemil, pertencente ao municipio Ourensán de Entrimo.
Obras executadas
Prolongouse o sendeiro de acceso á parte baixa do núcleo de Lantemil ata conectalo coas zonas de baño e recreativa que executaron na marxe dereita do encoro de Lindoso; a lonxitude aproximada do sendeiro supera os 2.700 metros lineais.
En canto aos materiais utilizados, é importante destacar que como pavimento utilizouse xabre estabilizado con cemento de 10 cm de espesor, sobre unha base de saburra artificial. Por outra banda, nalgunhas zonas susceptibles de encharcamento e noutras onde a pendente transversal do terreo é importante, o pavimento de xabre estabilizado e saburra substituíuse por unha senda elevada de madeira executada sobre pilotes.
Ademais, na zona máis próxima ao núcleo de Lantemil instalouse unha fonte-bebedoiro, que se alimentará da rede de abastecemento existente no núcleo.
Como complemento a estas actuacións construíuse un novo embarcadoiro mediante unha estrutura de 78 m de lonxitude a base de pasarela articulada e pantaláns flotantes e enfronte desta zona, na outra marxe do encoro acondicionouse unha zona de baño de 2.000 m2 mediante a achega de area procedente de canteira e unha zona recreativa dotada de xogos infantís e aparellos biosaudables.
O investimento total superou os 375.000 euros, sufragados nun 80% pola CHMS, 5% pola Administración Local e o 15% restante pola CMVMC de Lantemil e Reloeira.
“A colaboración institucional é clave para executar proxectos de futuro, por iso, desde a CHMS sempre estamos dispostos a cooperar cos concellos da demarcación que soliciten actuacións ambientais que posibiliten o uso e goce do noso valioso patrimonio fluvial pola cidadanía”, concluíu o presidente.