
A CHMS investiu máis de 100.000 euros na mellora da capacidade hidráulica dos ríos do municipio lucense de Triacastela
- Detalles
- Venres, 08 Marzo 2024

- Retiráronse árbores secas, enfermas ou en perigo de caída, ao longo de 11,5 km de leitos, incidindo nas zonas máis próximas a infraestruturas de paso
- Como complemento a estes traballos, proxectouse unha nova actuación no regato da Balsa, lindeiro con Camiño de Santiago, que será executada a finais de primavera
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, investiu máis de 100.000 euros na mellora da capacidade de desaugadoiro dos ríos do municipio lucense de Triacastela. Os traballos foron executados nos leitos da Balsa, Santalla, Oribio e Tras da Pena, nun total de máis de 11,5 km.
Na inspección previa realizada observouse a necesidade de mellorar, tanto a capacidade hidráulica do leito como a composición da vexetación de ribeira, ademais de detectar gran cantidade de madeiras inertes e tapóns illados.
Para solucionalo, procedeuse á retirada de árbores secas, enfermas ou con estabilidade comprometida que presentaban perigo de caída ao leito e que poderían afectar a infraestruturas próximas. Tamén se realizaron rozas selectivas de matogueira perimetral, poda e clarexo de ramas baixas e curta sanitaria de pés secos para evitar tapóns.
Como complemento a estas actuacións, para 2024, en canto o caudal permita traballar con seguridade, executarase unha nova actuación no regato da Balsa, lindeiro con Camiño de Santiago, cunha previsión inicial de execución para o mes de xuño.