
A CHMS inicia o estudo previo ás obras de mellora do saneamento do municipio lucense de Chantada
- Detalles
- Xoves, 28 Setembro 2023

- Cumprindo o compromiso rubricado mediante convenio de colaboración asinado co Concello o pasado 5 de xullo
- Este estudo, adxudicado á empresa Proyfe, S.L. por 143.500 euros, determinará o estado de conservación da rede principal e identificará claramente as deficiencias
- Deste traballo inicial sairá o primeiro paquete de actuacións coas obras máis urxentes que suporán un investimento próximo aos 1.850.000€
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, mellorará o saneamento do municipio lucense de Chantada. Actuacións que se poderán levar a efecto ao ser asinado, o pasado 5 xullo, o convenio de colaboración entre ambas as administracións. O investimento total estimado superará os 2.000.000€
Como punto de partida, onte foi adxudicada á empresa Proyfe, S.L. por 143.500 euros, a redacción dun estudo previo, a través do que se determinará o estado de conservación da rede principal e identificaranse claramente as deficiencias; este conterá o proxecto que incluirá un primeiro paquete de actuacións coas obras máis urxentes.
Problemática actual
Neste momento, Chantada conta cunha rede de saneamento unitaria, composta por unha EDAR do ano 1992, que non dispón de elementos de regulación e laminación de caudais; a ausencia destes sistemas, xunto ao crecemento urbano da aglomeración, leva a un deficiente funcionamento que xera vertidos sen o adecuado tratamento ao medio receptor e gran filtración de auga limpa o que dificulta a depuración.
Estudo Previo
Para determinar as necesidades de actuación, contratouse un estudo descritivo das características e deficiencias que presenta o sistema, incluíndo a modelización do comportamento da rede, tanto en tempo seco como en episodios de choiva, o que servirá para expor diferentes alternativas de actuación, como tanques de tormenta, eliminación de alivios, estacións de bombeo, execución de novos tramos de conducións, retirada de pluviais e de augas limpas procedentes de leitos etc.
Á vista dos resultados que se obteñan redactarase un proxecto que incluirá unha primeira fase coas obras máis urxentes a executar baixo este acordo e, ademais, identificará as restantes actuacións que sexan precisas para solucionar os problemas que actualmente padece o saneamento de Chantada e que poderán ser obxecto de posteriores fases.
“Estas actuacións teñen como obxectivo mellorar a calidade das augas, eliminando os problemas que presenta a rede de saneamento actual” explicou José Antonio Quiroga, presidente da CHMS. “O Convenio asinado co Concello de Chantada é o primeiro paso para mellorar o saneamento do municipio que require dunha actuación máis integral co fin de evitar as verteduras e as filtracións e de conseguir un desenvolvemento máis sostible” concluíu o presidente.