
A CHMS reparará a pasarela colgante sobre o Sil situada no concello leonés de Toral dos Vados
- Detalles
- Xoves, 30 Marzo 2023

- O investimento estimado superará os 120.000 euros
- Os fortes ventos producidos en xuño de 2022 causaron importantes danos que comprometen a seguridade desta infraestrutura
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Pedro Fernández, Alcalde de Toral dos Vados, rubricaron o Protocolo, para o financiamento, posta ao dispor dos terreos, execución e entrega das actuacións de obras de reparación dunha pasarela sobre o río Sil nas proximidades do núcleo de Valiña.
O presente protocolo ten por obxecto establecer o marco para unha posible colaboración futura entre as partes outorgantes, para o financiamento, execución e entrega das obras ao Concello.
Situación actual
Na actualidade existe unha pasarela colgante sobre o río Sil que serve de acceso peonil ao núcleo de Valiña, así como a unha estación SAIH e a unha escala de nivel para aforo do caudal circulante, sendo ambas as instalacións de titularidade da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Os fortes ventos producidos en xuño de 2022 causaron importantes danos que comprometen a seguridade desta infraestrutura.
Proxecto
As obras consistirían na substitución e ampliación dos cables estruturais que soportan a pasarela, reposición dos ventos laterais, tensado dos cables de suxeición das tarimas que constitúen a plataforma de paso, reparación e reforzo da rede de protección dos usuarios da pasarela e renovación da estrutura metálica existente na marxe dereita.
O investimento total estímase en 120.000€