
A CHMS mellorará o sistema de saneamento do polígono de Reboredo en Monforte de Lemos
- Detalles
- Luns, 20 Marzo 2023

- Procederase á construción dunha nova EDAR e dun novo emisario ao río Cabe
- O investimento total estimado superará os 4.600.000 € incluíndo asistencias técnicas e expropiacións
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e José Tomé, alcalde do municipio lucense de Monforte de Lemos, rubricaron hoxe o Convenio de colaboración que posibilitase as actuacións de mellora do saneamento e depuración do polígono industrial de Reboredo.
Problemática actual
Actualmente, o polígono industrial de Reboredo conta cunha EDAR insuficiente para tratar adecuadamente as augas residuais xeradas polas diferentes industrias, co que non se garante un tratamento adecuado en canto a cargas e caudais xerados.
Por outra banda, o punto de vertedura da EDAR actual cara ao Río Carballal é inadecuado polo escaso caudal deste, o que provoca un forte impacto no seu réxime hidrolóxico e na calidade das súas augas.
Tendo en conta a problemática actual e que está prevista unha ampliación do polígono, xorde a necesidade de levar a cabo un estudo detallado da situación e a definición do proxecto de saneamento e depuración capaz de tratar de maneira adecuada as augas residuais xeradas, actuais e futuras.
O novo proxecto
En aras da colaboración entre administracións, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil comprometeuse a cofinanciar as actuacións necesarias para a construción dunha nova EDAR, deseñada con dúas liñas construídas, coa posibilidade de ampliación mediante a futura construción doutra liña de tratamento, nun espazo reservado na parcela onde se constrúe; podendo dispoñer dun terceiro reactor biolóxico e un decantador secundario. O pretratamiento e liña de lodos xa quedarían tamén deseñados para acoller o caudal previsto coa ampliación.
A execución das obras do emisario fará necesaria a expropiación de terreos de titularidade privada que levará a cabo a CHMS. A nova EDAR non necesitará de terreos privados xa que se construirá nunha parcela de titularidade municipal no polígono contiguo á localización actual da EDAR existente (a demoler).
Para as obras previstas estímase un orzamento de 4,2M/€ e un prazo de execución de 24 meses incluíndo tres meses de explotación. Segundo o Convenio asinado hoxe o investimento total estimado superará os 4,6M/€ incluíndo asistencias técnicas e expropiacións. Este investimento será financiada nun 80% pola CHMS e o 20% restante polo Concello.
“A colaboración institucional é a clave para conseguir proxectos importantes para preservar e mellorar a calidade das augas dos nosos leitos fluviais, sendo fundamental a implicación dos gobernos locais como canle de comunicación máis directo e claro, polo coñecemento que posúen das necesidades reais das zonas ás que representan” concluíu o presidente.