
A CHMS e o Concello de Verea asinan o Convenio que posibilita a execución das obras de mellora do saneamento e a depuración do municipio
- Detalles
- Venres, 10 Febreiro 2023

- O investimento necesario estímase en 300.000 euros que será sufragado nun 80% pola CHMS e o 20% restante polo concello
- O proxecto contempla a adecuación, mellora e limpeza das 34 fosas sépticas actuais
- “Estas actuacións son necesarias para evitar os problemas recorrentes de verteduras sen depurar, ademais de imprescindibles para a regularización administrativa do sistema de saneamento municipal “ explicou Quiroga
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e José Antonio Pérez Valado, alcalde de Verea, rubricaron o Convenio de colaboración que posibilita o financiamento, execución e entrega das actuacións de mellora do sistema de saneamento e depuración do municipio ourensán de Verea.
Neste momento existen 34 fosas sépticas conectadas aos seus respectivos sistemas cuxa situación técnica e administrativa é diversa; algunhas non contan con autorización de vertedura, outras dispoñen da mesma pero esta non se cumpre, ademais de problemas de funcionamento que provocan problemas de contaminación do medio acuático.
O proxecto consistirá na roza, limpeza, xestión de lodos e inspección de 34 fosas sépticas dispersas polo municipio, a redacción de proxecto de construción para a posta ao día e o acondicionamento das principais de entre elas, incluíndo, así mesmo, a documentación necesaria para a súa regularización administrativa.
O investimento necesario estímase en 300.000€, incluíndo o custo de redacción do Proxecto, a execución do contrato de obras, así como a dirección facultativa do mesmo, que será sufragada nun 80% pola CHMS e o 20% restante polo concello.