
Teresa Ribera aposta por integrar a educación ambiental nas políticas educativas xerais como instrumento para unha sociedade máis responsable e sostible
- Detalles
- Xoves, 16 Decembro 2021

- A vicepresidenta presentou o programa de traballo para 2022 do Plan de Acción de Educación Ambiental para a Sustentabilidade (PAEAS)
- No acto, participaron tamén Pilar Alegría, ministra de Educación e Formación Profesional, María Jesús Rodríguez, directora do Organismo Autónomo Parques Nacionais (OAPN), a directora da Fundación Biodiversidade, Elena Pita, así como as principais entidades en materia de Educación Ambiental
A vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, presentou hoxe o Programa de Traballo anual do Plan de Acción de Educación Ambiental para a Sustentabilidade (PAEAS). Este programa anual detalla as accións que está previsto iniciar ou executar durante o 2022, con información complementaria para a súa posta en marcha, indicadores de cumprimento e estimación orzamentaria para o seu financiamento.
Durante a presentación, a vicepresidenta resaltou que hoxe máis que nunca debemos acelerar os procesos de transformación en materia educativa. Nese sentido, Ribeira expresou que “a educación ambiental terá que acabar sendo a realidade educativa de cada un dos cidadáns ben formados de calquera sociedade. É a nosa responsabilidade e o compromiso do PAEAS e do Goberno”.
No acto participaron tamén Pilar Alegría, ministra de Educación e Formación Profesional, María Jesús Rodríguez, directora do Organismo Autónomo Parques Nacionais (OAPN), a directora da Fundación Biodiversidade, Elena Pita, así como as principais entidades en materia de Educación Ambiental.
O programa presentado hoxe foi elaborado e consensuado polo Grupo Coordinador do PAEAS, responsable de establecer as prioridades de actuación en función das liñas de traballo gobernamentais en política ambiental e de sustentabilidade. Este grupo está formado polo OAPN e o seu centro adscrito, o Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM) xunto á Fundación Biodiversidade, dependente do MITECO, así como a Secretaría de Estado de Educación e a Secretaría Xeral de Formación Profesional do Ministerio de Educación e Formación Profesional.
UNHA FERRAMENTA PARA A SUSTENTABILIDADE
O PAEAS é un documento estratéxico de planificación que establece os obxectivos e as liñas de acción en materia de Educación Ambiental para a Sustentabilidade para desenvolver entre 2021 e 2025. O programa foi aprobado en Consello de Ministros o pasado 3 de agosto de 2021 a proposta conxunta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) e o Ministerio de Educación e Formación Profesional, departamentos responsables da súa redacción.
A educación ambiental é unha ferramenta imprescindible para transitar de maneira rápida e activa a escenarios de sustentabilidade social, económica e ambiental e así lograr unha sociedade máis xusta. Este plan busca establecer un plan plural, participado e aberto á sociedade, capaz de ofrecer orientacións útiles, prácticas e realizables para contribuír a unha relación sociedade-ambiente saudable e sostible.
O contido completo do PAEAS está dispoñible para a súa consulta na páxina web do MITECO.