
A CHMS visitou a Reserva Natural Fluvial do río Troncoso con alumnos do CPI Padrenda-Crespos
- Detalles
- Venres, 22 Outubro 2021

- 27 alumnos participaron nas actividades programadas polo Organismo, nun tramo de leito moi naturalizado
- En España están declaradas 222 reservas, o que supón máis de 3.000 quilómetros de tramos de ríos; 7 delas na demarcación do Miño-Sil, 106,80 km
- A declaración dun río como RNF contribúe á conservación e mellora do seu estado ecolóxico
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITERD) realizou hoxe unha xornada de Educación Ambiental cos escolares do CPI Padrenda- Crespos na Reserva Natural Fluvial do Río Troncoso en Padrenda (Ourense).
Esta actividade forma parte da programación de Educación Ambiental nas RNFs, que promove o MITERD, a través da CHMS, para dar a coñecer e resaltar o valor destas figuras de protección, fundamentais para preservar os tramos de ríos que se conservan moi naturais, entendendo que a declaración como RNF contribúe á conservación e mellora do estado ecolóxico do leito.
En España declaráronse 222 reservas, o que supón máis de 3.000 quilómetros de tramos de ríos; 7 delas na demarcación do Miño-Sil, 106,80 km.
ACTIVIDADES REALIZADAS
Tras as presentacións iniciais e a entrega de material (mochila, caderno de campo, gorro e botella de auga reutilizable), os 27 alumnos e 4 profesores encamiñáronse ao punto de encontro previsto no lugar de Pontebarxas.
O percorrido fíxose pola marxe dereita do río Troncoso e realizáronse varias paradas naquelas zonas con presenza de Especies Exóticas Invasoras (EEI) (Arundo donax, Acacia dealbata, Robinia pseudoacacia, Phyllostachys spp., Eucalyptus globulus e Tradescantia fluminensis), onde os educadores ambientais explicaron a problemática destas EEI e os traballos de control-eliminación que a CHMS está a realizar na RNF de río Troncoso.
Tras unha camiñada de 2,5 Km comezaron as actividades e talleres nunha zona onde gozaron dun frondoso bosque de ribeira autóctono ben estruturado. As actividades comezaron cunha breve charla didáctica introdutoria sobre as RNF, ademais doutros conceptos básicos como a cantidade de auga do Planeta e da definición de río, e distintos xogos participativos.
Un dos talleres consistiu nunha mesa de traballo de macroinvertebrados e análise fisicoquímicos, onde os asistentes puideron comprobar a biodiversidade de larvas de insectos e as súas particularidades como bioindicadores do estado ecolóxico do río, así como realizar diferentes medidas de pH, temperatura ou osíxeno disolto na auga.
Noutro dos talleres aprenderon a diferenciar as diferentes especies arbóreas e arbustivas da RNF, a través dun xogo de recoñecemento de tipos de follas. Ademais, incidiuse na importancia da vexetación de ribeira, as súas funcións e o seu bo funcionamento como protector da calidade da auga do río.
A xornada concluíu, despois da comida, cun xogo de recoñecemento táctil de especies asociadas ao río, entre as que se atopaba un intruso ou especie non existente nun ecosistema fluvial, e que os participantes deberon de recoñecer.