
O Goberno aproba 150 millóns de euros en axudas para a restauración ambiental de zonas degradadas por mor da minería do carbón
- Detalles
- Martes, 18 Maio 2021

- O importe das axudas irá destinado a financiar a totalidade das actuacións de restauración ambiental a realizar polas comunidades autónomas de Aragón, Principado de Asturias e Castela e León para que poidan cumprir coas súas obrigacións de recuperación de terreos
- Os fondos destinaranse á rehabilitación e recuperación de máis de 2.000 hectáreas de espazo natural degradado pola actividade mineira do carbón
- Un dos obxectivos é xerar emprego no curto prazo nas zonas afectadas pola transición enerxética, priorizando a contratación de traballadores excedentes da minería do carbón
O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), aprobou o Real Decreto polo que se regula a concesión directa de axudas para a restauración ambiental de zonas afectadas pola transición enerxética no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia correspondente a proxectos de zonas degradadas por mor da minería do carbón.
O MITECO expón estas axudas, das que serán beneficiarias as comunidades autónomas do Principado de Asturias, Aragón e Castela e León, no exercicio do seu compromiso coa solución dos problemas pendentes nos territorios de transición xusta. Esta subvención permitiralles financiar o custo total das tarefas de restauración das que son responsables subsidiarias, xa que as empresas mineiras que pecharon en 2018 non realizaron a restauración por atoparse en liquidación ou concurso de acredores e os avais retidos polas autoridades mineiras resultaban claramente insuficientes.
Este Plan está contemplado na compoñente 10 “Estratexia de Transición Xusta” do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e dispón dunha dotación de 150 millóns de euros para o período 2021-2023.
OBXECTIVO DAS AXUDAS
Os fondos destinaranse á rehabilitación e recuperación de máis de 2.000 hectáreas de espazo natural degradado pola actividade mineira do carbón para recuperar as súas características orixinais ou adecuar o chan para novos usos como o agrícola, o lecer ou a creación de chan industrial.
Un dos obxectivos prioritarios que persegue a concesión destas axudas é poñer en marcha o Plan de Restauración para xerar emprego no curto prazo nas zonas afectadas pola transición enerxética, priorizando a contratación de traballadores excedentes da minería do carbón –incluídos aqueles das empresas auxiliares- que están inscritos na Bolsa de Traballo creada para ese efecto polo Instituto para a Transición Xusta, organismo do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Ademais, os proxectos que leven a cabo deberán sumar beneficios a eses territorios tales como a recuperación e protección da biodiversidade, a xeración de nova actividade económica ou a atracción de novas empresas.
Este Plan de Restauración supoñerá a culminación das actividades de restauración das minas que pecharon o 31 de decembro de 2018, respondendo así os compromisos e obrigacións asumidas polo noso país ante a Comisión Europea.
Previamente o Instituto para a Transición Xusta canalizou para empresas as axudas destinadas a cubrir os custos de restauración producidos polo peche de unidades de produción de carbón. Desde o ano 2020, concedéronselles axudas por valor de 21.924.253 euros. Con esta medida adicional facilítase ás comunidades autónomas a posibilidade de restaurar explotacións que se atopaban en concurso de acredores ou liquidación e que pasaban a ser a súa responsabilidade subsidiaria.
RESTAURACIÓN CON CO-BENEFICIOS
Estas axudas permitirán emendar de forma inmediata tres cuestiones ambientais derivadas das tarefas extractivas do carbón como son a descontaminación dos terreos para recuperar o equilibrio dos ecosistemas e preparalos para poder desenvolver neles novas actividades sen poñer en risco a saúde das persoas; a reparación do impacto na paisaxe das explotacións mineiras ao descuberto e a descontaminación de leitos fluviais e masas de auga, así como a recuperación dos recursos naturais das zonas degradadas.
Desde o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico búscase que estas restauracións sexan verdadeiras boas prácticas para a restauración e á integración de obxectivos ambientais e sociais do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.