• imprimir

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o alcalde da Pastoriza avanzan na construción do Centro de Interpretación do Alto Miño

El presidente de la CH del Miño-Sil y el alcalde de A Pastoriza avanzan en la construcción del Centro de Interpretación del Alto Miño
  • Hoxe foi rubricado o convenio de colaboración entre ambas as administracións.
  • O investimento necesario estímase en 250.000 €, que será sufragada na súa totalidade pola CHMS; o Concello poñerá a disposición os terreos necesarios para a construción
  • “Estas actuacións son o inicio dun proxecto global para valorizar o importante patrimonio ambiental e paisaxístico da cabeceira do Miño” concluíu o presidente

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, rubricaron o Convenio de colaboración que posibilitará a construción do “Centro de Interpretación do Alto Miño en Fonmiñá (A Pastoriza-Lugo)”.

O investimento total necesario estímase en 250.000,00 €, importe que será asumido integramente pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, O.A., pola súa banda o Concello da Pastoriza poñerá a disposición os terreos necesarios para a execución do proxecto de obra, as súas modificacións e posibles obras complementarias, mediante certificación para o efecto expedida polo secretario da corporación local.

Unha vez finalizadas e recibidas as obras por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, O.A., comunicarase ao Concello da Pastoriza tal circunstancia, achegando unha copia da acta de recepción, sendo entregadas para o seu uso público a este último para a súa xestión, mantemento e conservación provisionalmente ata a tramitación da mutación demanial.

“Esta será a primeira actuación na cabeceira do río Miño, co ánimo de poñer en valor toda a zona do Alto Miño; os seguintes pasos serán a instalación doutro punto informativo na contorna do Pedregal de Irimia, lugar de nacemento do Miño, e a execución dunha senda que una Irimia con Fonmiñá para visibilizar o potencial desta zona de alto valor natural e paisaxístico que une os territorios dos concellos de Meira e A Pastoriza”, explicou o presidente da CHMS.

O proxecto

A boa comunicación deste espazo natural, a beira da estrada LU-122, a dispoñibilidade de aparcamentos e sobre todo os valores naturais da zona, foron as principais características para a localización deste centro de interpretación no que se visibilizarán os valores de fauna, flora e aspectos antropolóxicos relacionados coa auga superficial e co río Miño para potenciar os devanditos valores nun lugar que, xa de seu, é visita habitual de escolares e viaxeiros de todo tipo.

As actuacións para executar consisten na construción dunha edificación de planta baixa, cunha superficie útil aproximada de 250 m2, sobreelevada lixeiramente sobre a rasante do terreo, con materiais da zona.

“En canto ao deseño interior, será simple e intuitivo e dotado de tecnoloxía adaptada aos novos tempos, co ánimo de facelo atractivo para foráneos, visitantes e moi enfocado á comunidade escolar”, explicou Quiroga

“Estas actuacións, por tanto, son o inicio dun proxecto global para valorizar o importante patrimonio ambiental e paisaxístico da cabeceira do Miño” concluíu o presidente.

Descargar PDF

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.