
O presidente da CHMS visita o Concello de Manzaneda (Ourense) para comprobar “in situ” as necesidades do municipio
- Detalles
- Luns, 31 Agosto 2020

- Amable Fernández, alcalde da localidade, solicitou melloras en saneamento e actuacións que valoricen a riqueza fluvial do municipio
- Quiroga comprometeuse a estudar varios proxectos, entre os que destacan, a mellora das depuradoras de Manzaneda e Bidueira, ademais da adecuación das áreas recreativas de San Lázaro e Ponte da Acea e a construción dunha pasarela sobre o río Requeixo no lugar de Tapadiñas
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, reuniuse co alcalde de Manzaneda (Ourense), Amable Fernández, para supervisar “in situ” as necesidades reais do municipio en canto a saneamento e depuración, así como, actuacións de valorización da riqueza fluvial da zona.
Durante o encontro, celebrado esta mañá, o presidente comprometeuse a estudar os proxectos de mellora das depuradoras de Manzaneda e Bidueira, ademais da adecuación das áreas recreativas de San Lázaro e Ponte da Acea e a construción dunha pasarela sobre o río Requeixo no lugar de Tapadiñas.
“Ambas as depuradoras necesitan actuacións de mellora e modernización e, concretamente, na EDAR de Bidueira, é preciso adaptar a capacidade á poboación existente e solucionar os problemas de filtración de augas limpas que minguan a capacidade de desaugadoiro” precisou Quiroga.
“Por outra banda, a demanda dos veciños da zona, adecuaremos o espazo de recreo no río San Lázaro onde se sitúan varias fervenzas e comunicaremos ambas as marxes cunha pasarela peonil; na zona da Ponte da Acea executaremos actuacións de recuperación da zona fluvial para o goce de visitantes e veciños” explicou o presidente.
“Pretendemos poñer en valor o patrimonio natural do municipio a través de actuacións que melloren e manteñan a súa riqueza fluvial” concluíu o presidente.