
A CH Miño-Sil e o Concello de Castroverde investirán 200.000 euros na mellora da capacidade de desaugadoiro do río Chamoso en Castroverde (Lugo)
- Detalles
- Luns, 16 Decembro 2019

- Hoxe foi rubricado o convenio de colaboración que posibilitará estas actuacións
- Confederación Hidrográfica do Miño-Sil achegará 140.000 €, o 70% do investimento, e o Concello de Castroverde o 30% restante, 60.000 €
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, e o alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, rubricaron esta mañá o Convenio de colaboración que determina as condicións para o financiamento, execución, mantemento, conservación e posterior entrega das obras contempladas no “Proxecto de mellora da capacidade de desaugadoiro do río Chamoso en Castroverde (Lugo)”
Problemática actual
A estrada local, cuxo inicio coincide coa poboación de Gracián e finaliza no vial que leva ao núcleo de Queizán de Abaixo, cruza tanto o leito principal do río Chamoso como unha canle de derivación para accionamento dun muíño, mediante senllas pontellas tradicionais executadas integramente (estribos, taboleiro e pila central) en cachotería de granito.
As seccións de paso efectivas de ambas estímase que son unhas 2,5 veces inferiores á requirida para desaguar a avenida de 100 anos de período de retorno.
Doutra banda, e aínda que o estado de conservación da estrada que cruza a canle de derivación é bo, sen aparentes deformacións ou cabeceos, non ocorre o mesmo no caso da que salva o leito principal do Chamoso, na que se observa un derrubamento parcial no estribo da marxe esquerda, que provocou que unha das grandes laxas de granito que soportan o taboleiro perdese apoio, comprometendo a estabilidade estrutural e reducindo significativamente a sección de paso ao descender en cota.
Nun encontro celebrado en febreiro de 2019, o Concello solicitou a colaboración da CHMS para solucionar o problemática detectada mediante un Convenio que determinase as condicións da colaboración entre as partes para o financiamento e execución das actuacións necesarias para mellorar as condicións de paso existentes.
O novo proxecto
O obxectivo da actuación recóllese no “Proxecto de mellora da capacidade de desaugadoiro do río Chamoso en Castroverde”, consistirá na rehabilitación da obra de fábrica que cruza a canle de derivación na que, polo menos, substituirase a laxa de cachotería actualmente existente.
No que respecta a pontella que cruza o leito principal do río Chamoso deberá ser demolida para poder executar unha nova obra de paso que permita desaguar a avenida de 100 anos de período de retorno.
O investimento previsto supera os 200.000 euros e o financiamento será entre ambas as Administracións, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil achegará 140.000,00 euros do custo inicialmente previsto, o que supón unha porcentaxe do 70% do investimento e, pola súa banda o Concello de Castroverde achegará os 60.000 € restantes, o que supón unha porcentaxe do 30% do investimento.