Os socios no proxecto Risc Miño-Limia avalían os avances nas accións que facilitarán a toma de decisións ante fenómenos extremos
- Detalles
- Xoves, 05 Decembro 2019
- O obxectivo é minimizar e avaliar os efectos dos fenómenos extremos e do cambio climático na xestión das masas de auga e os seus ecosistemas asociados
- Conta cun orzamento de 2.350.000 euros e un prazo de execución que finalizará en decembro de 2020
- Permitirá, por tanto, mellorar en coñecemento e gobernanza ante fenómenos cada vez máis recorrentes
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, convocou ás Universidades de Vigo e do Porto e á Axencia Portuguesa do Ambiente –APA- , para avaliar os avances no proxecto de cooperación transfronteiriza –POCTEP– “ Risc Miño-Limia” cuxo obxectivo é mellorar o coñecemento das concas internacionais dos ríos Miño e Limia co ánimo de minimizar os efectos que se produzan por fenómenos extremos, de intensas choivas ou secas prolongadas, todo iso de acordo co principio de unidade de conca.
Esta sería a 3ª reunión do Comité de Xestión, órgano directivo de xestión do proxecto. Pola parte portuguesa asistiron Maria José Moura, xefa de División na Axencia Portuguesa de Ambiente APA (a través ARH Norte); e Rui Calçada, Director da Facultade de Enxeñería da Universidade do Porto; pola parte española, Esther de Blas, Vicerreitora do Campus de Ourense; e Carlos Guillermo Ruiz do Portal, xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (socio principal).
Avaliación das accións
Avaliouse o grao de avance das diferentes actividades do proxecto, con especial atención aos estudos relativos ao impacto do cambio climático nos recursos hídricos, os balances entre recursos e demandas, o plan de xestión de seca conxunto da demarcación hidrográfica internacional e o deseño da nova cartografía da demarcación.
Cada socio presentou o conxunto do executado ata a data, do que cabe destacar a realización dos modelos hidrometeorológicos e hidráulicos de software libre para a predición de avenidas na parte española e na parte portuguesa; o novo sistema de alerta temperá e os sistemas de axuda á decisión; os novos puntos de control de sistema automático de calidade das augas finalizados no Carballiño (Ourense) e Tui (Pontevedra), os novos mapas cartográficos, entre outros traballos que permitirán mellorar en coñecemento e gobernanza ante fenómenos extremos.
Por outra banda, todos os membros resaltaron o alto grao de coordinación entre as partes, incidindo no positivo que supón a cooperación transfronteiriza na xestión das concas hidrográficas compartidas e a necesidade de intensificar e incrementar esa colaboración na toma de decisións conxunta ante fenómenos cada vez máis recorrentes.
Reunión do Grupo de Traballo Técnico conxunto
Desde o comezo do proxecto celebráronse catorce reunións do grupo de traballo técnico conxunto, creado para a correcta realización e xestión do proxecto, hoxe mesmo os técnicos da CHMS da APA e das Universidades de Vigo e Porto, realizaron un encontro, na sede do Centro de Control de Conca da CHMS, sobre “Modelización hidrometeorológica para a prevención de fenómenos extremos”, centro onde se reciben os datos, vía satélite e cada 15 minutos, das estacións de control situadas en puntos estratéxicos da demarcación.
RiSC MIÑO-LIMIA
O obxectivo principal do proxecto é minimizar e avaliar os efectos dos fenómenos extremos (secas e inundacións) e do cambio climático na xestión das nosas masas de auga e os seus ecosistemas asociados, co fin de lograr a elaboración dun plan hidrolóxico e de xestión único para toda a demarcación hidrográfica internacional en cumprimento da Directiva Marco da auga e contribuír á mellora e consecución do bo estado das mesmas.
A demarcación internacional das concas dos ríos Miño e Limia cobre un territorio dun 19.600 km2 e alberga unha poboación de máis dun millón de persoas.
O proxecto europeo RISC_Miño Limia enmárcase dentro do Programa INTERREG V-A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020, financiado polo Fondo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, e conta cun orzamento de 2,35 millóns de euros. A súa execución iniciouse en xullo de 2017 e finalizará en decembro do ano 2020.