
Obras de emerxencia para estabilizar a marxe dereita do río Miño na contorna do barrio da Ponte (Lugo)
- Detalles
- Venres, 04 Outubro 2019

- A actuación iniciada pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil é necesaria para protexer o noiro, situado entre a estrada denominada paseo Álvaro Cunqueiro e o leito do río, antes de que aumente o caudal
O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica, tomou razón das obras de emerxencia para a protección e estabilización da marxe dereita do río Miño na contorna do barrio da Ponte, en Lugo, por un importe de 100.000 euros.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, declarou de emerxencia a actuación ao comprobar que o noiro duns 4 metros de altura, existente entre a estrada denominada paseo Álvaro Cunqueiro e o leito do río presentaba unha rotura parcial.
Para garantir a estabilidade do citado noiro e a integridade da estrada sobre a que se apoia, iniciouse o 18 de setembro, con carácter de urxencia, a actuación que terminará a primeiros de novembro, antes de que aumente o caudal do río e dado que o paseo Alvaro Cunqueiro é a principal vía de acceso ao colexio existente na zona.
As obras consisten na construción dun dique, con escollos de máis de 1.000 quilos, que evitará os efectos erosivos da corrente mesmo en situacións de avenidas importantes, así como a seguridade da estrada, garantindo ao mesmo tempo, mediante a execución de ocos no intradós, o desenvolvemento da vexetación e a súa integración na contorna a medio prazo.