
A CHMS construirá 5 novos puntos de control de calidade das augas (Rede Saica)
- Detalles
- Mércores, 15 Maio 2019

- Os puntos de control situaranse nos ríos, Sarria en Sarria (Lugo), Arenteiro no Carballiño (Ourense), Avia en Leiro (Ourense) e Louro en Tui (Pontevedra) e Deva en Arbo (Pontevedra)
- Obterase información, en tempo real, da temperatura, condutividade, osíxeno disolto, turbidez, PH, así como as concentracións de amonio
- O prazo para a presentación de ofertas a través do Rexistro Xeral da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Rúa Curros Enríquez 4-2º de Ourense, finaliza mañá, 16 de maio
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, finaliza mañá o procedemento de licitación das obras de mellora e ampliación da Rede SAICA (Sistema Automático de Información de Calidade das Augas) da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil no marco do Proxecto RISC Miño-Limia.
Estas actuacións forman parte da actividade IV “Sistemas de control de conca e medidas de retención natural contra inundacións” do proxecto europeo sobre prevención de riscos de Inundacións e Secas na conca internacional Miño-Limia, do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020.
Procedemento de Licitación
A CHMS abriu, o pasado 25 de abril, o proceso de licitación dos traballos que teñen como obxectivo principal o proporcionar información en tempo real sobre os parámetros físico-químicos das augas superficiais continentais e optimizar a súa utilización e dispoñibilidade, controlando, en tempo real, tramos de especial interese para a súa vixilancia como son as captacións para abastecemento, as zonas protexidas, co interese da detección inmediata das verteduras puntuais; ademais de facer un seguimento do estado das masas de auga, máis concretamente do programa de control de investigación para determinar a magnitude e o impacto da contaminación accidental.
As variables que avaliarán estas novas estacións serán a temperatura, condutividade, osíxeno disolto, turbidez, PH, así como as concentracións de amonio e para a ampliación da citada rede aproveitarase a infraestrutura existente nas estacións do Sistema Automático de Información Hidrolóxica ás que quedarán conectadas os sinais das novas sondas que se situarán nas marxes dos diferentes leitos.
Os cinco novos puntos de control da Rede SAICA situaranse nos seguintes leitos e termos municipais:
- Río Sarria en Sarria (Lugo)
- Río Deva en As Regadas, Arbo (Pontevedra)
- Río Arenteiro no Carballiño (Ourense)
- Río Avia en Leiro (Ourense)
- Río Louro en Tui (Pontevedra)
Estímase que as obras proxectadas serán executadas ao longo do próximo verán e o investimento, segundo o importe reflectido na licitación, será de 275.001,04 €.
As ofertas presentadas, tal e como se indica na Plataforma de Contratación do Estado, están a ser recibidas a través do Rexistro Xeral da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, situado na R/ Curros Enríquez, 4-2º de Ourense, CP 32003, ata as 14,00 horas do día 16 de maio.