
A Confederación do Miño-Sil inicia os traballos de mellora de leito e marxes do río Fervedoira ao seu paso pola cidade de Lugo
- Detalles
- Mércores, 13 Febreiro 2019

- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da CHMS, Jose Antonio Quiroga, constataron a necesidade desta actuación nunha visita á zona realizada a finais de novembro pasado
- O tramo de actuación abarca 2,5 km de leito e á finalización do mesmo continuarase no río Rato
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, iniciou os traballos de limpeza do río Fervedoira ao seu paso pola zona urbana de Lugo. Estas actuacións están incluídas no contrato de conservación do Dominio Público Hidráulico ( DPH) dos ríos da Demarcación Miño-Sil na provincia de Lugo nas que o Organismo de conca investirá máis de 765.894 €.
“Estas actuacións foran solicitadas pola alcaldesa de Lugo a finais de novembro nun encontro celebrado no Concello, que finalizou coa posterior visita ao leito, onde constatamos a necesidade de programar os traballos o máis axiña posible”, explicou José Antonio Quiroga, presidente da CHMS.
“O tramo de actuación supera o 2.5 km de río e prestarase especial atención ás zonas próximas a vivendas, co interese de evitar danos a persoas e os seus bens en momentos de intenso caudal” matizou Quiroga
ACTUACIÓNS
Programáronse actuacións en dous tramos de río, unha primeira zona que comprende desde a urbanización “Castro Gil” ata uns 600 metros antes da desembocadura do río Fervedoira ao Rato, e unha segunda zona que comeza na ponte da aldea de Astrar, próximo á A6, ata o inicio do tramo anterior.
Da inspección previa á zona detectouse que ambos os tramos presentaban abundante vexetación arbórea e arbustiva, troncos inertes e lixo co consecuente risco de desbordamentos e posibles problemas de inundación de terreos lindeiros.
Para solucionar a problemática existente, procederase á roza selectiva de matogueira perimetral, poda e clareo de ramas baixas e á curta sanitaria de pés secos para evitar tapóns en infraestruturas de paso, así como, a retirada de residuos sólidos urbanos presentes no leito.
O prazo de execución estímase en 5 semanas que discorrerán ao longo dos meses de febreiro e marzo e que supoñerán un investimento próximo aos 23.000 €.
Á finalización destas actuacións que continuará coa mellora de leito e marxes do río Rato.