A Confederación do Miño-Sil inicia os traballos de mellora de marxes do río Arnoia ao seu paso pola zona urbana de Allariz (Ourense)
- Detalles
- Venres, 01 Febreiro 2019
- Retiraranse 125 alisos secos ou semisecos afectados pola “ Phytophthora alni” para evitar riscos de caída sobre as persoas e os seus bens
- Tamén se procederá á roza selectiva e podas en máis de 3,6 km de leito
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, iniciará o vindeiro luns os traballos de limpeza do río Arnoia ao seu paso pola zona urbana de Allariz (Ourense). Estas actuacións están incluídas no contrato de conservación do Dominio Público Hidráulico ( DPH) dos ríos da Demarcación Miño-Sil nas provincias de Ourense, Pontevedra e Zamora nas que o Organismo de conca investirá máis de 765.000 €.
ACTUACIÓNS
Programáronse actuacións en dous tramos de río, unha primeira zona que comprende desde as inmediacións do centro escolar de Allariz ata a Ponte de Vilanova e a contorna das piscinas municipais, e unha segunda zona que comeza á altura do complexo deportivo do Seixo e que finaliza augas abaixo do “ Muiño do Briñal”.
Da inspección previa á zona detectouse que ambos os tramos presentan abundante vexetación arbórea e arbustiva e un importante número de árbores afectadas polo fungo “ Phytophthora alni” con risco de caída sobre o carreiro fluvial e o propio leito.
Para solucionar a problemática existente, procederase á roza selectiva de matogueira perimetral, poda e clareo de ramas baixas e á curta sanitaria de pés secos para evitar tapóns en infraestruturas de paso, así como, ao apeo e retirada de todos os exemplares afectados polo fungo, atendendo ao “Protocolo de actuación para alisos enfermos pola Phythophthora alni”.
“O Arnoia en Allariz atópase nun aceptable estado de conservación, aínda que, unha vez visualizada a presenza de máis de 125 alisos enfermos e con risco de caída sobre o paseo, programamos a curta e o apeo urxente dos mesmos para evitar risco para as persoas e os seus bens”. explicou José Antonio Quiroga, presidente da CHMS.
“Estes traballos serán realizados por unha brigada composta por catro operarios especializados que terán que seguir o protocolo de actuación para evitar que a praga se propague”, matizou Quiroga.
O prazo de execución estímase en 5 semanas que discorrerán ao longo dos meses de febreiro e marzo e que supoñerán un investimento próximo aos 18.000 €.