
O presidente da Confederación Miño Sil e o alcalde de Cortegada asinan o convenio que posibilitará a execución do proxecto “Raia Termal” neste municipio
- Detalles
- Venres, 28 Decembro 2018

- Están incluídas a construción das piscinas termais exteriores, o acondicionamento do contorno do balneario e a sinalización da ruta termal “Terras de Cortegada”
- O investimento previsto supera os 283.000 euros, financiados nun 75 % a través dos fondos europeos e o 25 % restante con fondos propios da CHMS
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, e o alcalde de Cortegada Avelino Luis de Francisco, rubricaron o convenio de colaboración que posibilita as obras que a CHMS vai realizar no municipio de Cortegada (Ourense), dentro do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza ( POCTEP) “RAIA TERMAL”.
O presente Convenio ten por obxecto determinar as condicións que rexerán o financiamento, redacción do proxecto, posta a disposición dos terreos, execución e o réxime da posterior entrega para o mantemento e conservación das obras e instalacións contempladas nos proxectos de “Construción de piscinas termais exteriores e acondicionamento do contorno do balneario de Cortegada”e “Sinalización da ruta termal Terras de Cortegada” (Cortegada - Ourense).
As actuacións para executar na primeira das obras consistirán na recuperación, acondicionamento e axardinado da zona verde no contorno do Balneario de Cortegada, de titularidade municipal, situado ás beiras do río Miño, e a ampliación do seu circuíto termal coa construción de tres piscinas termais.
A segunda das actuacións consiste na sinalización da ruta termal “Terras de Cortegada”, que ten o seu inicio e fin no Balneario, aos pés do río Miño, a cal se divide en dous trazados circulares que se poden realizar por separado ou ben agrupados de forma que se poidan xerar tres variantes diferentes. A lonxitude total ascende a 28,1 km, podendo realizarse variantes de 21,20 km e 8,10 km.
O investimento total necesario para as actuacións estimouse en 283.513,15 €, que será asumida na súa totalidade pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o 75 % a través de fondos POCTEP e o 25 % restante, con fondos propios deste Organismo.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, licitará, adxudicará e xestionará os contratos da obra, servizos e calquera outros necesarios para a execución do presente Convenio, ata a terminación definitiva das obras.
O Concello de Cortegada realizará as xestións administrativas precisas para a obtención dos terreos, bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto de obras, as súas modificacións e posibles obras complementarias, que para ese efecto poñerá a disposición da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.