
O presidente da Confederación do Miño-Sil e o alcalde de Ponteareas asinarán un convenio de colaboración para mellorar o saneamento do municipio cuxo investimento superará os 4,5 millóns de euros
- Detalles
- Venres, 09 Novembro 2018

Quiroga mostrou a súa preocupación sobre a problemática de verteduras procedentes da EDAR de Moscardeira e comprometeuse a sufragar o 60% do proxecto a través de Fondos Europeos 2014-2020
Pola súa banda o Concello sufragará un 20% e tratará de conseguir o 20% restante a través do Goberno Autonómico
O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), José Antonio Quiroga, mantivo un reunión de traballo co alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, para avanzar en varios temas de interese para ambas as Administracións.
Durante o encontro, o presidente do Organismo de conca mostroulle a súa preocupación polas constantes verteduras procedentes da EDAR de Moscardeira e transmitiulle a súa total disposición a colaborar nos proxectos que consigan paliar as deficiencias de saneamento e evitar as verteduras recorrentes ao río Tea.
Neste sentido, a CHMS elaborará un borrador de Convenio de Colaboración que instrumente a execución e posterior entrega das novas infraestruturas ao Concello, así como, o financiamento das mesmas.
O alcalde de Ponteareas tamén incluíu na orde do día da reunión varios temas relacionados co informe sectorial do Plan Xeral de Ordenación Municipal e outros trámites de autorización pendentes para poder legalizar algunhas obras xa executadas e outras novas.
O proxecto de saneamento
A EDAR de Ponteareas atópase dentro duns dos 5 procedementos sancionadores que abriu a UE contra o Reino de España por incumprimento da directiva 91/271 de recollida e tratamento de augas residuais; por este motivo esta actuación foi incluída en Fondos Europeos para o período 2014-2020.
O proxecto atópase en redacción e está previsto que finalice a finais de xaneiro de 2019. Constará de dous proxectos de saneamento cuxo custo se estima en 4,5 millóns de euros dos que a CHMS achegará o 60%, o concello o 20% e este comprometeuse a conseguir o 20% restante a través do Goberno Autonómico.
Construirase unha nova EDAR e os colectores necesarios, incluíndo tamén o acondicionamento e recuperación do arroio Pedra da Auga que ten varios puntos delicados ao tratarse dun leito que foi invadido polo desenvolvemento urbano da cidade.
“Este é un primeiro encontro de traballo co alcalde de Ponteareas que seguro que se repetirá en distintas ocasións e por distintos motivos; do mesmo conclúo que foi frutífero porque considero que todas as actuacións que vaian encamiñadas a mellora da calidade das augas dos nosos leitos, que, en definitiva, mellorarán tamén a calidade de vida dos cidadáns do municipio, requiren da colaboración entre administracións, como clave para avanzar no desenvolvemento sustentable”, concluíu o presidente.