A Confederación do Miño-Sil reúne ás administracións xestoras da EDAR de San Cibrao (Ourense) para avanzar na redacción do proxecto de mellora do río Barbaña
- Detalles
- Martes, 24 Xullo 2018
- Adxudicado pola Dirección Xeral da auga, segundo publicou o DOUE o 13 de xullo, por máis de 230.000 euros
- O proxecto conterá as actuacións concretas que permitan alcanzar o bo estado ecolóxico e químico do Barbaña antes de 2027
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, O.A. ( CHMS) reuniu ás Administracións Xestoras da EDAR e do saneamento de San Cibrao das Viñas (Ourense) - Concello e Deputación Provincial- para solicitar a información dispoñible e definir o alcance dos traballos coa empresa adxudicataria que nestes días comezará a redacción do proxecto que permita finalizar o saneamento do río Barbaña e a mellora da EDAR de San Cibrao (fase II).
O Plan Hidrolóxico da parte española da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil catalogou o río Barbaña como unha masa de auga en estado peor que bo. Por iso, este Organismo de conca redactou o proxecto de mellora do saneamento e EDAR de San Cibrao das Viñas (Ourense) (Fase I), obra xa executada no ano 2015 e financiada ao 80% mediante fondos FEDER do programa operativo Galicia, período 2007-2013.
Novo Proxecto
O Plan Hidrolóxico establece como medidas necesarias completar a EDAR cun tratamento terciario e mellorar o saneamento augas arriba da actuación xa executada, co obxectivo de que alcance o bo estado ecolóxico e químico antes do ano 2027.
Para iso, a Dirección Xeral da auga, licitou o servizo para a redacción dun proxecto que conteña as actuacións necesarias para completar o saneamento do río Barbaña, cofinanciado mediante fondos FEDER do período 2014-2020.
Este proxecto conterá os datos exhaustivos dos colectores xerais e secundarios, os datos de caudais e cargas contaminantes do saneamento dos polígonos industriais situados en San Cibrao das Viñas. Estes traballos identificarán os principais contaminantes de orixe industrial, para elaborar estratexias de traballo que permitan a súa eliminación antes de alcanzar a canle do río Barbaña
Cos datos anteriores, os das industrias e as vivendas conectadas ao saneamento, elaborarase un modelo dixital completo que permita simular o funcionamento do devandito sistema e as posibilidades de mellora a executar. A partir desta información deseñaranse as obras necesarias na EDAR existente para facer que o seu funcionamento sexa máis fiable e flexible fronte a verteduras accidentais á rede de saneamento, e con maior capacidade de tratamento para poder absorber a toda a poboación e industria conectadas.
Por outra banda, tamén ha de conter o deseño das obras necesarias nos colectores de saneamento que permitan eliminar totalmente as verteduras de augas residuais industriais ao río Barbaña.
Así mesmo, controlarase a calidade das verteduras de augas pluviais ao río desde a rede de evacuación as mesmas, coa execución de actuacións que incluirán tanques de tormenta e novos colectores de maior capacidade.
Todas as obras que finalmente se decida acometer desenvolveranse a nivel de proxecto de construción, que terá que estar redactado no verán de 2019.